As producións da Televisión de Galicia acumulan un total de 60 candidaturas para os XVIII Premios Mestre Mateo

0
10

Santiago, 10.02.2020.-    A Televisión de Galicia acudirá o vindeiro 7 de marzo á gala dos Premios Mestre Mateo cun total de 60 candidaturas. Na XVIII edición dos galardóns do audiovisual galego, que será emitida en directo pola canle autonómica, a TVG destaca con 19 producións finalistas. Delas, ‘Quen a ferro mata’, ‘O que arde’ e ‘Eroski-Paraíso’, tres longametraxes que contan con participación ou colaboración da TVG, acaparan 15, 12 e 7 candidaturas, respectivamente. A serie ‘Hierro’, coproducida pola galega Portocabo, é o proxecto con máis propostas para os galardóns, cun total de 16.

A película ‘Longa noite’, tamén participada pola TVG, completa o cuarteto de producións finalistas a mellor longametraxe, categoría copada pola canle pública galega, ao igual que ocorre no caso de mellor programa de televisión (ao que son candidatos ‘Cos Pés na Terra’, ‘Land Rober Tunai Show’, ‘Malo Será!’ e ‘Segredos. Desmontando Galicia’), mellor comunicador/a de televisión (coas candidaturas de Lucía Regueiro por ‘Bamboleo’, Marta Doviro por ‘Malo Será!’, Neves Rodríguez por ‘Vin polo Vento’ e Rodrigo Vázquez por ‘Ti Verás’) e mellor realización, en que competirán tamén profesionais de espazos da Televisión de Galicia.

No apartado de mellor serie de televisión, son candidatas tres producións da TVG: ‘Os Mariachi’, ‘Serramoura’ e ‘A Estiba’, esta última cun total de seis propostas. Ademais, a ficción ‘Lobos e Cordeiros’ está proposta a mellor maquillaxe e peiteado e a mellor vestiario.

Nas categorías interpretativas, destacan as candidaturas, en producións da TVG, de Benedicta Sánchez, Cris Iglesias e Patricia de Lorenzo a mellor actriz protagonista; de Amador Arias, Luís Tosar e Miguel de Lira a mellor actor protagonista; de Desiré Pillado, María Vázquez e Paula Cereixo a mellor actriz de reparto e de Enric Auquer, Fran Lareu e Xan Cejudo a mellor actor de reparto.

Ademais, as producións ‘El futuro de la mente’ e ‘O reino suevo de Galicia’, ambas as dúas con participación da Televisión de Galicia, optan a mellor documental.

Os/as gañadores/as daranse a coñecer na gala que se celebrará o vindeiro 7 de marzo no Palacio da Ópera da Coruña, presentada pola actriz Patricia Vázquez, que será a anfitrioa dunha noite en que se fará un repaso do mellor da produción audiovisual galega do último ano e que será emitida en directo pola Televisión de Galicia.

Fuente Crtvg.es