As radios públicas autonómicas, aínda máis preto dos seus oíntes

0
6

Santiago, 21.04.2020.-   Desde que en España se declarou o estado de alarma debido á pandemia do COVID-19, as radios públicas autonómicas, entre as que se atopa a Radio Galega, están a desenvolver un papel fundamental na sociedade, non só como servizo esencial para informar rigorosamente ou como medio de entretemento para os cidadáns, senón tamén como apoio e compaña para todas as persoas que o necesitan. Co obxectivo de axudar os seus oíntes a resolver dúbidas, apoialos e transmitirlles ánimos nesta época de confinamento, as radios pertencentes á Federación de Organismos de Radio e Televisión Autonómicos (Forta) puxeron á súa disposición números de teléfono e de WhatsApp para consultas de calquera índole.

Neste sentido, emisoras como Aragón Radio ou IB3 Ràdio (Illas Baleares) aumentaron o número de liñas dispoñibles para os oíntes, así como o número de redactores dedicados a atendelas. Pola súa parte, Canarias Radio envía mensaxes de apoio aos seus oíntes baixo o cancelo #quédatenecasa, mentres que Onda Madrid utiliza o contacto telefónico para axudar as persoas maiores a non saír da casa, poñéndoos en contacto con persoas ou asociacións que lles fagan a compra ou lles leven os medicamentos aos seus fogares.

Ademais, varias canles están a ofrecer a posibilidade de entrar nos programas enviando dedicatorias, felicitacións ou mensaxes de ánimo, mentres que outras contan coa colaboración de expertos, como psicólogos, científicos, nutricionistas ou mesmo membros das forzas de seguridade do estado para contestar as preguntas dos oíntes.

Cultura, entretemento e propostas musicais para os máis pequenos na RG

Pola súa parte, a Radio Galega está a centrar os seus programas durante o confinamento na cultura e no entretemento, emitindo contidos culturais de alta calidade directamente desde os seus arquivos, como as actuacións do programa ‘Notas de Jazz’ ou os concertos de ‘Medio Bolo’, e tamén a través do deporte, narrando as competicións online de fútbol desde ‘Galicia en Goles’.

As propostas de entretemento da RG tamén lles prestan especial atención aos nenos e nenas, que son quen máis o precisan. Por isto, Radio Picariña, a súa primeira canle dixital de música infantil e xuvenil, ampliou durante esta crise os seus contidos musicais cun cento de novas cancións para os máis pequenos da casa. Os autores dos novos temas que se inclúen son, entre outros, Fofó, Chuches Amil, Mamá Cabra, João Afonso e Alonso Caxade. A piques de facer dous anos e integrada na marca Xabarín Club da CRTVG, Radio Picariña ten dispoñibles xa máis de dun milleiro de cancións en lingua galega.  

Catalunya Ràdio tamén se está a implicar nestes momentos co público infantil a través do programa ‘Popap Escolar’, con contidos educativos dirixidos ás diferentes idades escolares, mentres que CMM Radio (Castela A Mancha) incorporou o programa ‘La Hora del Cuento’, unha ficción sonora cunha obra de literatura infantil dirixida aos nenos nunha hora importante para o seu descanso.

As accións máis especiais das radios públicas

Entre as medidas máis especiais e emotivas levadas a cabo polas radios públicas autonómicas para alixeirar o confinamento, atópanse dous concertos en directo que ofreceron dous locutores da vasca EITB desde os seus balcóns, picando os temas que pedía a súa audiencia. Outro exemplo musical é o da valenciana À Punt e o seu programa musical ‘Territori Sonor’, que ofrece seis horas extra en directo e conta cun espazo para que o público cante desde a súa casa.

Pola súa parte, Onda Madrid está a destacar os movementos solidarios da sociedade civil, mentres que a asturiana RPA puxo en marcha unha iniciativa para poñer en contacto consultores ou axentes inmobiliarios que buscan propietarios dispostos a prestarlles vivendas a sanitarios e corpos e forzas de seguridade. Outra iniciativa destacada neste senso é a de CMM Radio, que emite diariamente unha carta sonora redactada por músicos, escritores xornalistas e persoeiros da sociedade manchega, dirixida aos contaxiados e enfermos nos hospitais.

En definitiva, todas as emisoras de Forta axustaron a súa programación ás novas necesidades dos oíntes. Un exemplo é o programa ‘Madrid Directo’, de Onda Madrid, que inclúe unha sección gastronómica para propoñer unha alimentación saudable durante o confinamento e outra con pautas e resolución de dúbidas para a convivencia familiar e en parella. Tamén se puxeron en marcha novos programas, como é o caso de Catalunya Radio e Catalunya Informació, que ofrecen cada día o testemuño dos diferentes sectores afectados, e de À Punt, que estreou ‘Cròniques de l’aïllament’, un radio-documental diario que recolle as vivencias dos profesionais que están a traballar en primeira liña.

Fuente Crtvg.es