As series da TVG ‘Matalobos’ e ‘Hotel Almirante’ chegan ao mercado internacional da man da plataforma Olympusat

0
4

Santiago, 03.07.2020.-    As series da Televisión de Galicia ‘Matalobos’ e ‘Hotel Almirante’ chegarán ao mercado americano grazas a un acordo co distribuidor británico Videoplugger. A través da plataforma Olympusat, as dúas ficcións veranse en lingua española nos Estados Unidos, Canadá, Porto Rico e América Latina.

Considerada polos responsables de Videoplugger como “a resposta europea á serie ‘Narcos’”, a emblemática ‘Matalobos’, ficción producida por Voz Audiovisual, foi a primeira que tratou a realidade do tráfico de drogas en Galicia e xira arredor dun clan familiar na vila ficticia de Sardiñeira. É unha das series de máis éxito na historia da canle autonómica  e acadou grandes cotas de audiencia cando foi emitida orixinalmente en Galicia.

A miniserie de época ‘Hotel Almirante’, situada nos anos 50 e baseada na novela homónima de Marta Rivera de la Cruz, mestura amor, paixón, traizón e misterio. Esta ficción de Formato Producciones tamén tivo unha grande acollida na súa estrea na TVG.
    
Deste xeito, a Televisión de Galicia segue a estender a lingua e o audiovisual galego polos mercados internacionais, despois da chegada das series ‘Auga Seca’ e ‘Vidago Palace’ á plataforma HBO. Ademais, ‘Tres Camiños’, produción internacional participada pola TVG, poderá verse en Amazon Prime Video a comezos de 2021. E, no ámbito do público infantil, a serie ‘As aventuras de Minchi’ verase nunha plataforma OTT na China. Todas estas accións seguen a estela de ‘O sabor das margaridas’, a primeira serie en galego que chegou a Netflix, onde conseguiu un grande éxito.

Fuente Crtvg.es