As televisións autonómicas reafirman o desenvolvemento do seu labor como servizo esencial

0
2

Santiago, 31.03.2020.-    Os medios públicos autonómicos englobados na Federación de Organismos de Radio e Televisión Autonómicos (FORTA) continuarán desenvolvendo o seu labor como servizo esencial despois da publicación da Real Decreto-lei 10/2020, do 29 de marzo, polo que se regula un permiso retribuído recuperable para as persoas traballadoras por conta allea que non presten servizos esenciais, co fin de reducir a mobilidade da poboación no contexto da loita contra o COVID-19.
 
As radiotelevisións públicas autonómicas, tal e como establece a súa regulación normativa, forman parte dun conxunto de operadores de servizo público e, en consecuencia, prestan servizos esenciais. A función de servizo público das televisións autonómicas comprende a produción de contidos e a edición e difusión de canles xeneralistas e temáticas, no ámbito nacional e internacional, así como a oferta de servizos conexos ou interactivos.

O desenvolvemento deste servizo público esencial inclúe os diferentes xéneros de contidos, información, actualidade e entretemento, así como os distintos soportes de televisión, radio ou internet. En palabras de Juande Mellado, presidente de FORTA, “somos un servizo público esencial por definición, polo que agora, máis que nunca, ponse en valor a nosa función e os nosos contidos, tanto os informativos como os de diversa índole temática. Somos unha referencia informativa fronte á desinformación e os bulos, que proliferan en redes sociais e grupos de Whatsapp”.
 
Así mesmo, engade Mellado, “temos a difícil tarefa de transmitir unha certa normalidade e, a través dos nosos programas de actualidade e entretemento, debemos mostrar tamén aspectos positivos que xerou esta crise como as iniciativas solidarias e as mostras de apoio a quen está en primeira liña desta loita contra o virus. Os cidadáns necesitan saber que está a pasar, necesitan a nosa compañía e tamén unha xanela á evasión que dalgunha maneira faga máis levadía a loita”.
 
Protección dos traballadores/as

Os servizos audiovisuais públicos autonómicos están a tomar todas as medidas necesarias para salvagardar a saúde dos seus profesionais coa firme intención de minimizar os riscos de contaxio e propagación do virus COVID-19. Centrados en frear o avance do virus e permitir a conciliación familiar nesta situación de emerxencia, son moitos os organismos que flexibilizan o seu horario, habilitan o teletraballo naqueles postos que non requiran de presenza física nas instalacións para garantir o servizo, impulsan métodos telemáticos para reunións ou cancelan viaxes que non son de máxima urxencia. Outra das medidas tomadas refírese á emisión dos informativos e programas de actualidade de televisión e radio cun sistema de organización de equipos illados, a poder ser sen coincidencia de persoas e asegurando a disposición de profesionais de reserva. Así mesmo, tratarase de modificar, todo o que sexa necesario, os modos de produción de programas.

Fuente Crtvg.es