As televisións públicas galega e asturiana únense por primeira vez este 25 de decembro nunha emisión conxunta

0
7

Santiago, 23.12.2019.-     Moitas son as cousas que unen a galegos e asturianos e, por iso, a TVG e a Televisión do Principado de Asturias (TPA) ofrecen este 25 de decembro, baixo o título ‘Inimitables: Benvidos / Bienllegaos’ e en horario prime time, a primeira emisión conxunta realizada polas dúas canles autonómicas.

Desde Ribadeo, localidade lucense moi visitada por asturianos, os presentadores Arturo Fernández, por parte da televisión pública galega, e Sonia Fidalgo e Alberto Rodríguez, por parte da asturiana, conducirán unha divertida velada que afondará nos puntos en común entre os dous pobos.

Porque a relación entre galegos e asturianos é ‘Inimitable’, o programa indagará na vertente musical desta irmandade e viaxará pola zona da ‘raia’ que divide ambas as dúas comunidades, con visitas á aldea asturiana de Abres e á parroquia lucense de Ría de Abres, separadas polo río Eo, dous lugares en que practicamente non hai diferenzas entre galegos e asturianos. ‘Benvidos / Bienllegaos’ tamén se achegará ao interior da comunidade veciña para coñecer a tradición musical de Taramundi e dos Picos de Europa.

Como non podía ser doutro xeito, o ‘Inimitables’ deste 25 de decembro contará coas actuacións dun amplo cartel de artistas de ambas comunidades. Por parte galega, estarán a gaiteira Susana Seivane, a cantante Lucía Pérez, o grupo Os Melidaos e o músico, artesán e investigador Pablo Carpintero, que amosará instrumentos musicais propios da ‘raia’. Pola banda asturiana, actuarán Marisa Valle Roso, Rodrigo Cuevas, Los Berrones e Anabel Santiago, artistas moi coñecidos na súa terra, que farán gozar o público galego na noite de Nadal.

Fuente Crtvg.es