Santiago, 15.09.2023.- Os espectadores da Televisión de Galicia vivirán unha intensa e variada fin de semana deportiva, en que se poderán achegar aos deportes tradicionais galegos, serán testemuñas das dúas últimas xornadas da Liga ACT de traiñeiras, verán a penúltima proba do Campionato do Mundo de Motocrós, en que o galego Jorge Prado podería alzarse co título, e, como colofón, asistirán á gran final da Copa Galicia de Baloncesto.
As retransmisións da G2 e da web da CRTVG comezarán o sábado ás 16:30 h, coa Copa Xunta de Billarda 2023, proba coa que arrancará na localidade do Grove a Liga Atlántica de Billarda. Ademais, os usuarios da web crtvg.gal poderán ver en directo, a partir das 17:25 h, a Copa Xunta de Chave.
A esa mesma hora comezará en Bermeo unha nova xornada da Liga ACT. Primeiro disputaranse os playoff, en que se coñecerán os últimos participantes que a vindeira temporada 2024 disputarán as Ligas Euskotren e Eusko Label, as competicións feminina e masculina, respectivamente. Unha vez rematadas as eliminatorias, ás 18:45 h, ofrecerase en directo a XLI Bandeira de Bermeo.
A xornada concluirá ás 20:00 h coa Primeira División de fútbol sala feminino, co derbi galego entre O Castro e o Ourense Ontime. Para o seu primeiro encontro da temporada, as ourensás, baixo as ordes de Mondoruza, deprazaranse a un pavillón, o de Castro de Riberas de Lea, que xa coñecen, onde as recibirá un recentemente ascendido co que teñen un desquite pendente. O Ontime apeouse da Copa Galicia nos cuartos de final precisamente contra as lucenses hai escasos días.
O domingo, a partir das 11:25 h, a Liga ACT de traiñeiras pechará a temporada en augas de Portugalete, onde se disputará a segunda xornada dos playoffs de ascenso ás ligas Euskotren e Eusko Label e, a continuación, a LIII Bandeira El Corte Inglés, coa que se lle porá o punto e final á temporada do remo de banco fixo. A última xornada disputarase na modalidade de liña sempre e cando, tras a disputa da Bandeira de Bermeo, a distancia entre os dous primeiros clasificados sexa de 3 puntos ou inferior.
Ao mediodía será a quenda do Campionato do Mundo de Motocrós, que esta fin de semana viaxa ao circuíto de Maggiora para o MXGP de Italia, unha nova oportunidade para que o lucense Jorge Prado alcance a gloria e se converta no primeiro español campión mundial. O piloto lidera a xeral desde a primeira xornada, aínda que os seus perseguidores, con Romain Febvre á cabeza, lle foron comendo terreo nas últimas probas. A súa xesta podería concluír esta fin de semana, aínda que, de non ser así, tería unha última bala a fin de semana do 1 de outubro en Gran Bretaña. A primeira manga ofrecerase en directo ás 13:00 h e a segunda, ás 16:00 h.
Rematada a emoción do motocrós, chegará a do baloncesto, coa disputa, a partir das 17:15 h, da final da Copa Galicia. Os vencedores das semifinais (Obradoiro-Básquet Coruña e Breogán-Ourense) enfrontaranse para decidir o título doutra edición dun torneo autonómico en que o Breogán é o club máis laureado, cun total de 14, títulos, o último deles, conseguido o ano pasado.
A fin de semana deportiva nos medios públicos galegos despedirase con fútbol, co partido de 2ª RFEF Coruxo F. C.-C. D. Caión (19:00 h). O Coruxo afronta o terceiro partido da temporada ante o Caión co obxectivo de recuperar a sobriedade exhibida durante a pretemporada. Ademais deste encontro de fútbol, exclusivamente a través da páxina web da CRTVG, poderá seguirse en directo o Pontevedra C. F.-U. P. Langreo (17:00 h), tamén de 2ª RFEF.
Fuente Crtvg.es