As vivendas máis fascinantes, singulares e orixinais de Galicia regresan cunha nova temporada de ‘Que Casas!’

0
8

Santiago, 20.01.2020.- As casas máis fascinantes, singulares e orixinais de Galicia volverán desfilar pola pantalla da TVG na nova temporada do programa ‘Que Casas!’ (23.40 h), que, da man dos seus propietarios, seguirá coñecendo vivendas espectaculares e achegándose ao xeito de viviren dos galegos e galegas.

Na localidade coruñesa de Brión, o programa visitará unha vivenda que, aínda que loce dun xeito moi tradicional por fóra, agocha un universo de deseño e máis modernidade no seu interior. Tamén pasará por unha casa de tres plantas na Coruña, a cuxos habitantes lles vén de marabilla contar cun ascensor para pasar das unhas ás outras.

Na capital de Galicia, os espectadores coñecerán unha parella que vive a súa romántica mocidade de xeito artístico, nunha casa con banda sonora orixinal composta por eles mesmos. Ademais, ‘Que Casas!’ desprazarase ata Rianxo para demostrar que hai quen pensa que non hai casa mellor que unha que flote e que permita viaxar polo mar.

A última das paradas será en Cospeito, onde o espazo da TVG visitará unha vella casa de labranza ateigada de curiosidades, entre as que se atopa unha colección de esqueletes de animais atopados pola zona.

Fuente Crtvg.es