Atletismo e fútbol, esta fin de semana, na web da CRTVG

0
5

Santiago, 03.01.2020.-   Os afeccionados ao deporte estarán acompañados polos medios públicos galegos na primeira fin de semana do ano, que ofrecerán, en directo, pola web da CRTVG os encontros dos conxuntos galegos de fútbol de Segunda División B e Terceira División, así como tamén a 66ª edición do Cross Internacional de Amorebieta. Esta fin de semana as retransmisións veranse modificadas na G2 por mor da emisión especial do debate de investidura, polo que a web da CRTVG será a encargada de ofrecer, en directo, estes encontros programados para estes días de véspera de Reis. 

O sábado, os partidos comezarán ás 17:00 h co partido de fútbol Rácing de Ferrol – Raio Majadahonda, correspondente á xornada 19 de 2ª B, na Malata. O Rácing ten ganas de reencontrarse coa vitoria logo de perder o seu último partido fronte a Las Palmas At. por 1-0. Pola súa parte, o Raio Majadahonda enfróntase a outro conxunto galego, por segunda semana consecutiva, tras empatar a xornada pasada 1-1 ante o Coruxo. 

Ás 20:30 h, a segunda canle autonómica galega estará pendente do remate do debate de investidura para poder emitir outro encontro de 2ªB, o Pontevedra C.F. – C.F. Internacional Madrid. De non rematar a tempo, o partido emitirase tamén, en directo, a través da web. En Pasarón, os afeccionados serán testemuñas dun encontro entre dous conxuntos separados por tan só un punto na táboa de clasificación. Antes do Nadal, o Pontevedra perdía 4-1 ante o San Sebastián de los Reyes, polo que nesta primeira xornada do ano agarda recuperar a vitoria. Pola súa banda, o Internacional Madrid gañaba na casa 2-1 ao Xetafe B. 

O Coruxo inaugura as emisións deportivas do domingo na web da CRTVG ás 12.00 horas, co partido que disputará na casa ante o San Sebastián de los Reyes. O conxunto vigués intentará acadar o seu terceiro partido consecutivo sen perder ante un San Sebastián de los Reyes cos ánimos en pé, xa que antes do Nadal conseguía encaixarlle 4 goles ao Pontevedra.

Á vez que o Coruxo, terá lugar un encontro de 3ª División con máxima igualdade, pois os dous primeiros clasificados cítanse este domingo no Couto ás 12:00 h (Ourense C.F. – S.D. Compostela). Non son soamente os ocupantes dos dous primeiros postos da táboa, senón que tamén son os equipos que máis goles teñen a favor e menos en contra. Os espectadores asistirán a un encontro en que os dous conxuntos se xogan o liderado, cun Compostela que ocupa a primeira posición con 41 puntos, seguido do Ourense, con 40.

Tan só media hora despois terá lugar a 66 edición do Cross Internacional Zornotza, en que participarán máis de 600 atletas nacionais e internacionais. En crtvg.gal a audiencia poderá ver as probas absolutas internacionais femininas e masculinas ás 12:30 horas, cun percorrido de 8,7 kilómetros e, ás 13:15 h con 10,7 km, respectivamente.

Fuente Crtvg.es