‘Atrápame se podes’, o concurso favorito das televisións autonómicas, chega este verán á TVG

0
11

Santiago, 10.06.2021.-    A Televisión de Galicia está a preparar a súa programación de verán e unha das primeiras novidades que chegará á grella, a finais de xuño, é ‘Atrápame se podes’, un concurso de preguntas e respostas presentado con moito humor por Paco Lodeiro. Participantes e espectadores van pasalo ben e ademais terán a posibilidade de gañar importantes premios, xa que cada día porase en xogo o bote acumulado ao longo dos programas anteriores, un bote que comezará con 2.000 € e que, se ningún concursante o acada, se irá incrementando diariamente en 200 €.

Varias temporadas de éxito en ETB2, Aragón TV, TV3 ou, máis recentemente, Canal Sur, canles onde rexistra cotas de pantalla moi destacadas, avalan ‘Atrápame se podes’ como un dos formatos líderes de audiencia das televisións autonómicas coa súa fórmula de cultura aderezada con moito humor. O concurso, que se emitirá nas tardes de luns a venres, ten unha mecánica sinxela que convida o espectador a xogar desde a casa e que fará que os concursantes poidan conseguir unha boa cantidade de cartos en función dos seus coñecementos e tamén da súa estratexia de xogo.

‘Atrápame se podes’ ten a estrutura dun quiz-show clásico: un presentador e cinco concursantes que competirán durante cada programa. O concurso ten catro fases. Na primeira xogan os cinco concursantes e nas seguintes vanse eliminando un por un ata chegar dous á final. As preguntas son de cultura xeral, aínda que moitas delas estarán adaptadas á idiosincrasia galega.

Cada día, o concurso comezará cunha batería de preguntas, unha rolda rápida para ir entrando en materia. Os acertos de cada concursante marcarán a orde de xogo na seguinte rolda, o duelo de temas, en que deberán elixir un tema e un adversario para que responda catro preguntas relacionadas. Nesta sección quedará eliminado un participante e os catro restantes, organizados en dous equipos, xogarán ao ‘Branco ou negro’. A parella que pasará á seguinte fase será a primeira en acertar cinco preguntas.

Na gran final, cada concursante situarase a un lado da escaleira instalada no estudio, onde terán que responder alternativamente as preguntas. Se acertan, subirán un chanzo. Se fallan, manteranse na súa posición, pero, despois do primeiro fallo, perderán a posibilidade de gañar o bote do programa. O primeiro concursante que chegue ao quinto chanzo será o gañador do día, levándose o bote, se subiu sen fallar ningunha pregunta, ou 200 € en caso de cometer algún erro.

Fuente Crtvg.es