‘Auga Seca’, da TVG e a RTP, convértese na primeira serie en galego aspirante aos Premios Platino

0
7

Santiago, 14.05.2021.- A primeira temporada da serie ‘Auga Seca’, participada pola TVG, RTP e HBO, e producida por Portocabo e SP-i, vén de converterse na primeira serie en galego preseleccionada nos VIII Premios Platino do Cine Iberoamericano, pasando unha primeira fase entre máis de 600 producións de 23 países iberoamericanos. As categorías nas que destaca esta ficción son a de Mellor interpretación feminina en miniserie ou teleserie (Victoria Guerra) e a de Mellor interpretación masculina de reparto en miniserie ou teleserie (Adriano Luz).

Os Premios Platino – organizados pola Entidade de Xestión dos Dereitos Audiovisuais (EGEDA) e a Federación Iberoamericana de Produtores Cinematográficos e Audiovisuais (FIPCA) en colaboración coas Academias e Institutos de Cine- recoñecen cada ano as mellores series de produción iberoamericana e aos profesionais que participaron nelas. As obras finalistas coñeceranse a finais do mes de xuño e os premios entregaranse en outubro de forma presencial.

‘Auga Seca’: así continúa

Na súa segunda temporada, que se estreará proximamente, ‘Auga Seca’ afondará nas orixes dos negocios da familia Galdón e os seus conflitos coa familia de Teresa, a protagonista interpretada pola actriz portuguesa Victoria Guerra. No elenco repiten actores galegos e lusos coma Monti Castiñeiras, Sergio Pazos, Eva Fernández, Belén Constenla ou Adriano Luz, xunto a novas incorporacións como Pêpê Rapazote, Luana Piovani e Gonçalo Waddington.

HBO España e Portugal acollerán tamén nos seus catálogos esta segunda temporada. A primeira entrega, xa dispoñible, é a primeira serie en versión orixinal en galego que se emite nesta plataforma. Toño López volve asumir a dirección, canda o realizador portugués Sérgio Graciano e baixo a produción executiva de Alfonso Blanco, de Portocabo e creador da serie, e de José Amaral, de SP-i.  O guión corre a cargo de Carlota Dans, Roberto G. Méndez, Miguel Simal, Alfonso Blanco, Nina Hernández e Ana Míguez; a dirección de fotografía é de Lucía C. Pan e Manuel Pintos, e a música de Elba Fernández e Xavi Font.

‘Cuñados’ inicia a súa sexta semana en salas

Tamén participada pola TVG, a comedia galega ‘Cuñados’, dirixida por Toño López, continúa a manterse como o filme máis visto en Galicia dende que se estreou en cines o pasado 9 de abril. Producida por Alfonso Blanco, Cuñados é unha comedia de enredo sobre as peripecias delituosas de tres cuñados unidos polo azar e embarcados nun plan disparatado. A película, protagonizada por Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira, Federico Pérez Rey, Eva Fernández, Iolanda Muiños e María Vázquez comezará a partir deste venres a súa sexta semana en salas.

Fuente Crtvg.es