Balonmán feminino e masculino e fútbol de Primeira e Segunda RFEF, esta fin de semana en directo nos medios públicos galegos

0
33

Santiago, 25.11.2022.-    A xornada deportiva desta fin de semana nos medios públicos galegos comezará e rematará con balonmán. Así, o sábado, ás 17.00 h, ofrecerase en directo o derbi da División de Honra feminina entre o BM. Porriño e o Atlético Guardés. Volven cruzar así os seus camiños dous equipos que levan unha década convivindo na máxima categoría e protagonizando unha época gloriosa para o balonmán galego feminino.

E o domingo, ás 19.00 h, será o momento da Liga Asobal, en que o Club Cisne vivirá unha auténtica xornada festiva coa visita do todopoderoso F. C. Barcelona, un dos mellores equipos do mundo e actual campión de Europa. Os pontevedreses afrontan esta décimo terceira xornada sen presión e coa intención de ofrecer un bo nivel, pensando sobre todo nos dous seguintes compromisos cos que pecharán o ano: visitando un rival directo pola permanencia como é o Guadalaxara e recibindo o Logroño.

Polo medio, o protagonista será o fútbol. A G2 e a web da CRTVG retransmitirán este sábado ás 19.00 h o partido Ourense C. F.- R. S. G. Torrelavega, correspondente á 12ª xornada do Grupo I de Segunda RFEF. O conxunto galego quere cambiar o rumbo ante a Ximnástica, despois de que se vira cortada a súa gran dinámica nas últimas semanas. Os de Rubén Domínguez levan tres partidos sen gañar en liga e caeron na Copa do Rei ante o Alcorcón nun duelo que rematou en prórroga e penaltis.

O domingo pola mañá, a partir das 12.00 h, os espectadores poderán ver o encontro que disputarán a A. D. Ceuta, o pechacancelas do seu grupo de Primeira División RFEF, e o Pontevedra C. F.

Pola tarde, ás 17.00 h, volverá o fútbol co Rácing de Ferrol-A. D. Mérida, tamén de Primeira Federación. Os dous conxuntos viven momentos moi distintos. Mentres o equipo que dirixe Cristóbal Parralo acumula catro xornadas sen gañar, o conxunto estremeño está nunha época doce que se prolonga xa durante dous longos meses en que, só cunha derrota nos últimos dez encontros, foi escalando ata chegar á oitava posición.

Fuente Crtvg.es