‘Bamboleo’ contará este sábado coas actuacións de Chica Sobresalto e de Christian Silva

0
14

Santiago, 10.07.2021.-   ‘Bamboleo’ (22.15 h), o espazo de entretemento dos sábados na Televisión de Galicia, regresa esta noite ao prime time da canle autonómica. Xosé Manuel Piñeiro recibirá a visita de dous artistas destacados no panorama musical: Chica Sobresalto e Cristian Silva.

A que fora unha das concursantes revelación da última edición de ‘Operación Triunfo’, Maialen Gurbindo, que adoptou o nome artístico de Chica Sobresalto, publica disco. Este traballo, que leva por título ‘Sinapsis’, é unha viaxe polo sistema nervioso da pamplonesa con títulos tan suxestivos como ‘Fusión del núcleo’ ou ‘Dopamina’.   

O programa desta noite tamén acollerá as actuacións do músico, bailarín e produtor do Carril Cristian Silva, que vén ao ‘Bamboleo’ para presentar un adianto do seu próximo disco. Chica Sobresalto e Cristian Silvia participarán no ‘Sobes ou Baixas’, a sección que Tamara Pérez prepara cada semana para os convidados, e tamén no xogo de Claudio Pan. Non faltarán os sucedidos de Isi, as curiosas aventuras que cada sábado comparte cos seguidores do programa.

A orquestra La Ocaband, unha das máis emblemáticas de Galicia, que presenta varias opcións de espectáculo para este verán, é a formación convidada para animar a noite.

No ‘Dirtidansi’, a sección de baile profesional, actuarán Guillem e Rosa, unha das parellas que máis destacan no baile deportivo en España. Pola súa parte, os participantes do ‘Agora ou Nunca’ darano todo nas súas interpretacións. Paula González cantará o clásico da verbena ‘El de los ojos negros’, de Sparx, e Carlos Aguirre fará o propio co tema ‘Qué se siente’, de El Puma.

En ‘A Jrileira’, a proba para clubs deportivos, xogarán José Luis, polo Boxing Club Cidade de Lugo, e Jorge, polo Mazaricos Club de Fútbol. Para comezar, cantarán ‘Me gusta todo de ti’, de Noche de Brujas, e a continuación terán minuto e medio para adiviñar o maior número posible de intérpretes.

Finalmente, para conseguir o premio da ‘ITV do Amor’, un concursante do público deberá acertar cal é a parella de Cristian. Para iso deberá estar ben atento ás respostas das posibles mozas: Noa, María e Paula.

Fuente Crtvg.es