‘Bamboleo’ recibe esta semana unha estrela da música latina: a mexicana Gloria Trevi

0
19

Santiago, 18.09.2021.-    O programa ‘Bamboleo’ (22.40 h) acode esta noite puntual á súa cita semanal na Televisión de Galicia. Xosé Manuel Piñeiro recibirá nesta ocasión a visita dunha estrela da música latina, unha muller que leva vendidos máis de 43 millóns de discos en todo o mundo: a mexicana Gloria Trevi. A cantante compartirá a súa música cos espectadores do ‘Bamboleo’, ademais de participar nos xogos que lle proporán os colaboradores do programa.

‘Diosa de la noche’ é o título do disco que a mexicana publicou xusto antes da pandemia e do que esta noite interpretará o exitazo ‘Ábranse perras’. Trevi  interpretará ademais o seu último sinxelo, ‘Nos volvimos locos’, unha colaboración co portorriqueño Guaynaa, en que a cantante amosa a súa cara máis urbana.

Danny Leiva, artista mallorquino residente en Galicia, estará tamén esta noite en ‘Bamboleo’. O cantante, que fixo carreira na verbena galega antes de emprender a súa andaina en solitario, vén presentar o seu último tema: ‘Lo entenderás’.

O espazo de entretemento familiar da TVG contará tamén coas actuacións musicais da orquestra Estrellamar, mentres que o tempo de baile do ‘Dirtidansi’ terá como protagonista a parella de baile latino formada polos galegos Carlos Casal e Marta Castaño.

No ‘Agora ou Nunca’, María Romero e José Antonio González subirán ao escenario para interpretar, respectivamente, os temas ‘I’d rather go blind’, de Etta James, na versión de Beyonce, e ‘A ti’, de Joe Dassin.

En ‘A Jrileira’ participarán Adrián, polo Club Deportivo Cea, e Javi, polo Keltoi de Vigo, que cantarán ‘Esclavo de sus besos’, de David Bisbal. A continuación, deberán adiviñar o maior número de intérpretes posible. O gañador levará un fantástico premio para o seu club.

Finalmente, en ‘A ITV do amor’, un participante do público intentará acertar cal é a verdadeira parella de Alazne a partir das respostas dos seus posibles mozos: Quique, Brais e Pablo.

Fuente Crtvg.es