‘Bamboleo’ recibe este sábado a visita do artista chileno Américo e da cantante portuguesa María do Ceo

0
26

Santiago, 19.11.2022.-     ‘Bamboleo’ chega hoxe cun novo espectáculo cheo de música, diversión e festa. Xosé Manuel Piñeiro recibirá a visita de destacados artistas do panorama musical nacional e internacional e esta noite en concreto vai estar acompañado polo ‘rei da cumbia’, o mesmísimo autor de temas tan recoñecidos como ‘Traicionera’, ‘Te vas’ ou ‘Que levante la mano’: trátase do cantante chileno Américo.

A formación KUBO, unha das que máis vocalistas ten en Galicia, vaise encargar dos ritmos máis verbeneiros e a cantante María do Ceo interpretará temas moi conectados con Portugal. Nesta noite de ‘Bamboleo’ tampouco faltarán as divertidas vivencias de Isi, coas que sempre provoca as risas do público e dos espectadores.

No apartado de baile profesional, a parella galego-italiana formada por Raúl e Matilde realizarán dúas exhibicións da disciplina de bailes latinos, en que acaban de proclamarse campións de España.

Os participantes do ‘Agora ou Nunca’, Zule Moncada e Fernando Míguez, farán dúas magníficas interpretacións dos clásicos ‘Mi forma de ser’, de Olga Tañón, e ‘Getsemaní’, de Camilo Sesto.

En ‘A Jrileira’ competirán a Asociación Cultural Festas Patronais de San Joaquín e Santa Ana da Lama e a Comisión de Festas de Santa Margarida de Callobre, no Concello da Estrada. Primeiro cantarán e despois terán minuto e medio para adiviñar o maior número posible de intérpretes.

Ao final do programa chegará a sección máis picante, a destinada a parellas de namorados: a ‘ITV do Amor’, Unha proba que saca a relucir as mellores ocorrencias dos colaboradores do programa: Isi, Damián, Tamara e Javi Varela.

Fuente Crtvg.es