Santiago, 01.07.2023.- ‘Bamboleo’ (22:45 h) recibe hoxe a visita dun arxentino universal: Coti. O creador de éxitos como ‘Color esperanza’, ‘Antes que ver el sol’ ou ‘Nada fue un error’ estará con Xosé Manuel Piñeiro e Lucía Regueiro nesta noite de festa, xogando, cantando e adiantando novidades do seu próximo disco.
A orquestra Los Españoles vai poñer o toque verbeneiro cunha selección musical para todos os gustos, mentres que a parella de bailaríns formada por Sergio e Ana, que chega desde Sevilla, vai facer dúas coreografías espectaculares.
As Lembranzas, formación musical de Meis, formada por Merchi, Vanessa e Paula, vai estar hoxe en ‘Bamboleo’ estreando o seu novo sinxelo: titúlase ‘Bolboreta’ e é unha fusión de música galega, electrónica e xaponesa.
En ‘A Jrileira’ van participar catro comisións de festas que loitarán por gañar un gran premio. Nesta ocasión van ser as comisións de San Roque de Larín, en Arteixo; San Sadurniño de Amoedo, en Pazos de Borbén; a Virxe das Dores, en Alxén; Salvaterra e Tamallancos, en Vilamarín. As dúas comisións que cheguen á final cantarán o tema ‘Regrésame mi corazón’, de Carlos Rivera, e intentarán adiviñar o maior número de intérpretes en minuto e medio de tempo.
A ‘ITV do Amor’ porá a proba a Marcos e tres amigas, que intentarán despistar unha persoa de público sobre quen é realmente súa parella. Na sección, hai un interesante premio en xogo e, sobre todo, moita diversión.
Fuente Crtvg.es