‘Bamboleo’ recibe hoxe dous artistas de renome no panorama musical galego: María do Ceo e Davide Salvado

0
21

Santiago, 13.03.2021.-  ‘Bamboleo’ (22.05 h) chega hoxe sábado con todo disposto para ofrecer un espectáculo ben festeiro e entretido. Con Xosé Manuel Piñeiro á fronte e cos colaboradores habituais, Tamara Pérez, Claudio Pan, Damián Cortés, Javi Varela e Isi, será un ir e vir de xogos, divertimento e humor.

Os convidados de hoxe serán dous artistas de renome no panorama musical galego: María do Ceo e Davide Salvado. Pertencentes a xeracións distintas, conxugan tradición e actualidade. Os dous artistas aproveitaron o tempo de parada por mor da pandemia para avanzar nos seus proxectos musicais e esta noite en ‘Bamboleo’ ofrecerán distintos temas do seu repertorio.

A recoñecida fadista María do Ceo leva anos mesturando á perfección a melancolía do fado portugués coa tradición da cultura galega e hoxe interpretará ‘Havemos de ir a Viana’ e ‘Filha das Ervas’. Davide Salvado transformará o escenario coa peculiar atmosfera que lles imprime ás súas actuacións. Nesta ocasión, co acompañamento musical de Cibrán Seixo ao violín, Davide interpretará dúas pezas tradicionais maxistralmente adaptadas á sonoridade contemporánea.

A orquestra Cinema é a formación convidada desta noite. Ao longo do programa ofrecerá varios temas do seu repertorio deste 2021. No ‘Dirtisansi’ participará unha parella de bailaríns galegos, David e Clara, especialistas en baile deportivo, que bailarán un jive e unha rumba-bolero.

No ‘Agora ou Nunca’, Candy Medina vaise atrever cun tema moi moderno, ‘Bichota’, de Karol G, mentres que Mariuma Montoya cantará ‘Ahora quién’, de Marc Anthony. En ‘A Jrileira’ participarán dous clubs deportivos: o Gondomar Club de Fútbol e o Outomuro Club de Fútbol, da vila de Outomuro, en Cartelle. Enfrontaranse cun obxectivo común: facer máis puntos có equipo contrario cantando ‘Un rayo de sol’, de Los Diablos, e acertando cantantes.

Cara ao final do programa, chegará a  ‘ITV do Amor’, a sección en que un concursante do público terá que adiviñar quen é a parella de Andrea en función das respostas das posibles mozas: Sara, Laura e Ana.

Fuente Crtvg.es