Barça-Celta, Lugo-Mirandés e Celta B-Athletic B, partidos destacados esta fin de semana no ‘Galicia en Goles’ da RG

0
3

Santiago, 14.05.2021.-    A fin de semana deportiva comeza, coma sempre, na tarde do venres na Radio Galega, coa edición previa do ‘Galicia en Goles’, en que Paco Santos analizará desde as 20.30 ata as 00.00 h, todo o calendario dos equipos galegos. Ademais, conectará con Vista Alegre, onde se disputa o Burela-Betis de fútbol sala.

O sábado, desde as 15.00 h, a atención estará posta no Lugo-Mirandés de Segunda División. Ademais, o programa estará presente no Deportivo-Espanyol, da Primeira feminina; no Ourense C. F.-Fisterra, da Terceira; na final da Copa Galicia de fútbol sala feminino, entre o Burela e o Ourense; e no segundo encontro polo ascenso á Primeira de fútbol sala entre o Noia e El Ejido.

Xa o domingo, a edición matinal do ‘Galicia en Goles’ comeza ás 12.00 h co Lealtad-Pontevedra, de Segunda B, e o Pontellas-Arzúa, de Terceira. No polideportivo destaca o final da segunda fase na LEB Ouro de baloncesto, con protagonismo para tres equipos galegos: Basquet Coruña, Breogán de Lugo e Club Ourense Baloncesto. Desde as 15.00 h, o interese pasará polo Barça-Celta, na Primeira; Oviedo B-Coruxo, na Segunda B; e o Celta B-Athlétic B, nas semifinais polo ascenso á Segunda División do fútbol profesional.

Ademais de ‘Galicia en Goles’, a Radio Galega ofrece na fin de semana outros programas deportivos. O sábado, ás 13.00 h, o ‘Convivir Deportivo’ estará dedicado ao barranquismo e ao trail desde o concello de Folgoso do Courel. A última hora do sábado reparte contidos entre o motor para ‘Gas a Fondo’, ás 23.00 h, e os Xogos Olímpicos no ‘Galicia en Toquio’, ás 23.30 h. Mentres, a última hora do domingo é de debate para analizar en ‘Ao Contraataque’, de 23.00 a 00.00 h, os resultados dos equipos galegos.

Fuente Crtvg.es