‘Casamos!’ compartirá esta noite con dúas novas parellas o día máis feliz das súas vidas

0
15

Santiago, 07.10.2020.-  As vodas máis románticas e entrañables chegan un mércores máis á TVG con dúas novas entregas do programa ‘Casamos!’ (22.30 h). Os primeiros protagonistas da noite serán Noa e Javi, que levan nove anos de amor, coas súas subidas e baixadas. A morte da nai de Noa foi un durísimo golpe para ela. Pero, grazas á súa enteireza e á comprensión de Javi, a parella seguiu adiante e formou unha familia.

Estes noivos tiñan claro que acabarían casando e, posto que Javi non se decidía, foi Noa quen tomou a iniciativa. Pero os preparativos da voda estanse a complicar un pouco e Noa cre que non está a recibir todo o apoio que debería. Por sorte, Javi ten a sorpresa perfecta para animar a súa moza de cara ao que será o día máis especial das súas vidas.

Hai parellas que son como o día e a noite, pero iso non é un obstáculo para que funcionen á perfección, como é o caso de Jessica e Iván, os protagonistas da segunda historia do  ‘Casamos’ deste mércores. Ela é unha moza inqueda e con carácter que só acouga coa tranquilidade que lle proporciona o seu mozo.

Estes noivos namoráronse sendo moi novos e, tras cinco anos xuntos e un fillo en común, están decididos a dar o gran paso, pero, a poucos días da voda, un contratempo coa cerimonia está a poñer a proba os nervios de Jessica. En Cabanas e en Ares xa están preparados para asistiren ao espectacular enlace desta singular parella.

Na foto superior, a primeira parella protagonista da noite, a formada por Noa e Javi.

Fuente Crtvg.es