Catro películas sobre a emigración, desde este xoves en aberto na ‘Carteleira G’ de crtvg.gal

0
8

Santiago, 16.04.2020.-    O ciclo de cine galego en aberto ‘Carteleira G’, que cada xoves e durante unha semana ofrece un novo pack de películas na web da CRTVG, presenta desde hoxe unha selección de filmes relacionados cun tema moi galego: a emigración.

Cada semana, a proposta vai mudando, sempre cun fío condutor para todas as películas, ben o xénero ou o director. Desde que se puxo en marcha o proxecto ‘Carteleira G’, que durante o confinamento pretende converter o salón dos espectadores nun cinema mentres gozan de contidos en galego, a proposta estivo composta en semanas anteriores por longametraxes de humor e sobre o amor e o narcotráfico. Esta iniciativa da CRTVG está a ter unha grande acollida, posto que desde que se puxo en marcha contabiliza xa 90.000 visualizacións das películas que se van presentando.

Nesta ocasión, o ciclo presenta catro miradas absolutamente distintas arredor dun fenómeno que nos define como pobo e que xa case forma parte da identidade galega. Deste xeito, neste pack de películas sobre a emigración, os espectadores poderán ver durante os próximos sete días ‘Little Galicia’ (Alber Ponte, 2015), unha comedia sobre a comunidade galega de Newark, onde, desde hai moitas décadas, viven e traballan máis de 15.000 compatriotas. Á zona de Newark chámanlle ‘Little Galicia’, imitando a ‘Little Italy’ de Manhattan, e nese ambiente desenvólvese a historia dun mozo que foxe das súas responsabilidades e intenta usurpar a personalidade dun amigo, cos enredos correspondentes. Ponte, guionista e director -fillo de galegos de Surrey-, adaptou unha vella historia que lle contaran, engadíndolle unha homenaxe á película de Martin Scorsese ‘¡Jo, qué noche!’. ‘Little Galicia’ está interpretada por Fran Grela, Gustavo Salmerón, Mabel Rivera, José Ángel Egido, Luís Tosar e Paloma Bloyd.

Outra das propostas para esta semana é ‘Ilegal’ (Ignacio Vilar, 2003), unha película sobre emigración, pero con inmigrantes ilegais subsaharianos en Galicia -inmigrantes en terra de emigrantes-, que trata en profundidade os mecanismos das mafias e das redes de tráfico de persoas, que rozan a escravitude. É un thriller cun fondo de humor negro, con localizacións ben curiosas: desde unha persecución polos tellados da Catedral compostelá ata inéditas secuencias de acción polas rúas de Vigo, pasando por unha escena nunha granxa de avestruces e outra que recrea un bar de Marrocos nun local de Santiago. O elenco de actores ten rostros ben coñecidos do cinema galego e español, como Chisco Amado, Chete Lera, Lucía Jiménez, Alfonso Agra, Josito Porto, Vicenta N´Dongo e Roberto Sánchez ‘Luna’.

Tamén figura neste novo pack de ‘Carteleira G’ a película ‘Fronteira Sur’ (Gerardo Herrero, 1998). Baseada nunha novela de Horacio Vázquez Rial -fillo de galegos nado no Centro Galego de Bos Aires-, está coproducida pola empresa galega Continental e trata sobre a emigración española- basicamente galega- no Bos Aires de finais do século XIX onde, ademais de traballar de sol a sol, algún emigrantes metéronse  nos baixos mundos das mafias. José Coronado interpreta un emigrante galego que seguiu ese camiño, mentres que Maribel Verdú, Federico LuppiManuel Manquiña completan o elenco.

O ciclo sobre a emigración complétase con ‘A cicatriz branca’ (Margarita Ledo, 2012), un documental -que inclúe fragmentos de ficción- sobre as mulleres galegas que chegaron a Bos Aires -moitas sen papeis ou con documentos falsificados- a comezos do século XX para traballar como criadas nos apartamentos da alta burguesía arxentina. Eva Veiga ponlles voz ás palabras de moitas daquelas mulleres nas súas penurias diarias. As partes de ficción mencionadas están interpretadas por Margarita Fernández, Mónica Caamaño, Xavier Deive, Lino Braxe e Tamar Novas.

Fuente Crtvg.es