Cayetana Álvarez de Toledo, deputada do PP: «Madrid pode ser a primeira volta para derrotar un proxecto político que busca a erosión do común»

0
15

Santiago, 22.03.2020.- Cayetana Álvarez de Toledo, deputada do Partido Popular por Barcelona no Congreso, foi entrevistada esta mañá no espazo ‘Bos días’ da Televisión de Galicia, onde fixo unha análise da precampaña electoral do 4 de maio na Comunidade de Madrid. Álvarez de Toledo referiuse ás eleccións en Madrid como a que pode ser «unha primeira volta para derrotar un proxecto político que o que busca é a erosión do común». Recoñeceu que «no Partido Popular temos unha obriga, a inmensa tarefa de reagrupación a través das ideas, dun espazo alternativo ao que presentan Pedro Sánchez e Pablo Iglesias».

Na entrevista con Marcos Sueiro, redactor xefe da TVG, a política popular cualificou a Isabel Díaz Ayuso como unha persoa con coraxe, que creceu como líder fronte a unha esquerda que sempre gozou dunha credibilidade e superioridade moral. 

En relación á situación de Ciudadanos, expuxo que «naceu cun proxecto extraordinario de enfrontar ao nacionalismo» pero “ese proxecto malogrouse”, polo que agarda integrar a algunhas persoas desa agrupación nun proxecto de dereitas liderado polo Partido Popular: “hai moita xente con enorme talento que hai que recuperar».

Sobre unha posible revisión da concepción territorial en España, Álvarez de Toledo amosou o seu completo desacordo, sinalando que «temos que potenciar o moderno, a igualdade e as liberdades», así como «aprender das leccións do 1 de outubro en Cataluña, o asalto do nacionalismo ás liberdades». 

A política popular remarcou que «non temos que refundar España cada xeración” e que «España é unha vella nación con vellos problemas e non está tan mal, só necesita un bo goberno». Sobre o futuro, amosouse optimista: «as democracias necesitan persoas que loitan pola súa defensa, o importante é lideralas e marcar o horizonte», e manifestou a súa ledicia pola marcha do vicepresidente do Goberno: “a saída de Iglesias é un agasallo para nós”. Finalmente, recoñeceu o talento político de Feijóo, aínda que non cre que «o modelo de Galicia deba funcionar a nivel nacional», xa que para ela «non é o mesmo manter un espazo que se ten que recuperar outro”.

Fuente Crtvg.es