Celta-Elxe, Lugo-Fuenlabrada e Deportivo-Tudelano centran a xornada do sábado no ‘Galicia en Goles’

0
18

Santiago, 12.05.2022.-    Esta fin de semana, o fútbol e o baloncesto son os principais protagonistas do ‘Galicia en Goles’. O venres, a partir das 20.30 h, os micrófonos da Radio Galega estarán presentes no Palacio dos Deportes de Riazor, onde o Básquet Coruña xoga ante o Castellón na penúltima xornada da LEB Ouro.

O sábado, a partir das 15.00 h, xornada chea de fútbol cos partidos Celta-Elxe, Lugo-Fuenlabrada e Deportivo-Tudelano. En Balaídos, os afeccionados celestes poderán ver por última vez o equipo neste curso, mentres o Anxo Carro e Riazor reciben rivais que xa están descendidos.

No baloncesto, o Breogán e o Obradoiro pechan a temporada na casa, ante o Unicaja e o Valencia, respectivamente. Na última media hora, a sección ‘Galicia en Xogo’ informará da preparación dos deportistas galegos para os Xogos de París.

Xa o domingo, a sesión matinal principiará ás 11.45 h, co Badajoz-Celta B na Primeira RFEF e o final da liga regular na Segunda RFEF, en que o Pontevedra visita o Palencia para certificar de xeito oficial o ascenso que vén celebrando desde o domingo pasado. Contra as 14.00 h, os oíntes saberán cal dos tres galegos (Coruxo, Bergantiños ou Compostela) acaba entrando na fase de ascenso e tamén se o Arousa accede á fase de permanencia, evitando o descenso directo. Desde as 15.00 h, a edición da tarde contará o Rácing de Ferrol-Athletic de Bilbao B, da Primeira RFEF. Na última hora, ás 23.00 h, os especialistas de ‘Ao Contraataque’ debaterán sobre os resultados dos equipos galegos.

Ademais de con ‘Galicia en Goles’, a audiencia da Radio Galega terá o sábado unha nova cita con ‘Convivir Deportivo’, a partir das 13.00 h. Desta volta, o programa estará dedicado á Sociedade Deportiva A Baña.

Todas as emisións de ‘Galicia en Goles’ chegan á audiencia a través da FM, TDT, radiogalega.gal, aplicacións como Radioplayer España e mesmo polos altofalantes Alexa. Ademais, o sábado entre as 21.00 e as 23.00 h, os espectadores que vexan o partido do Celta pola tele poden escoller a opción de audio reservada para a Radio Galega para escoitar a narración radiofónica.

Fuente Crtvg.es