Celta-Real Sociedad, Lugo-Rayo e Unionistas-Deportivo, os partidos destacados do ‘Galicia en goles’

0
13

Santiago, 30.10.2020.- A fin de semana deportiva na Radio Galega comeza o venres ás oito e media do serán coa retransmisión do Cáceres-Ourense da Liga Española de baloncesto. O programa, que se prolongará ata a medianoite, recollerá tamén a última hora dos equipos galegos de cara a unha nova xornada de competición.

O sábado, ás 3 da tarde, a actualidade pasará polo fútbol e o polideportivo. Os micrófonos da Radio Galega estarán no Alondras-Pontellas, da Terceira División, no Burela-Santa Coloma e no Poio-As Burgas, de fútbol sala, e nas dúas citas da Asobal de balonmán: Cisne-Barcelona e Cangas-Puerto Sagunto.

A emoción chegará o domingo. Desde as 12, a edición matinal contará o derby galego da Segunda B entre o Coruxo e o Compostela, xunto ao encontro de rivalidade coruñesa entre o Silva e o Fabril, da Terceira. O Unicaja-Obradoiro, da Liga ACB de baloncesto, será outro dos atractivos ata as dúas e media da tarde.

Desde as tres menos cuarto, a sesión de tarde retransmitirá o Celta-Real Sociedad, da Primeira; Lugo-Rayo Vallecano, da Segunda A; e Unionistas-Deportivo, Pontevedra-Celta B e Racing-Zamora, da Segunda B. A xornada na Terceira completará a axenda dominical.

Ademais, na fin de semana os oíntes da Radio Galega poderán seguir a actualidade do motor no ‘Gas a fondo’, que se emite o sábado ás 11 da noite. Mentres, Toni López García convidará ás once e media da noite a Xaquín Díaz, o adestrador de Miguel Alvariño, nunha nova entrega de ‘Galicia en Toquio’.

Todas as emisións deportivas da Radio Galega poden escoitarse a través da FM, TDT, radiogalega.gal, Radioplayer España e os altofalantes Alexa. Ademais, o partido do Celta pode seguirse na canle de audio de Movistar Fútbol reservada á Radio Galega. E o último treito do ‘Galicia en goles’, entre as oito e media do serán e as 11 da noite, emítese en streaming polo Mira RG na páxina web de radiogalega.gal.

Fuente Crtvg.es