Celta-Xetafe, este mércores na Radio Galega

0
9

Santiago, 11.05.2021.- Esta semana dispútanse dúas das últimas tres xornadas da Liga de fútbol na Primeira División. A antepenúltima cita do calendario chega este mércores para o Celta de Vigo, que recibe en Balaídos o Xetafe a partir das 8 da tarde. Desde as oito menos cuarto, Paco Santos conduce a edición extraordinaria de ‘Galicia en goles’, coa narración de Roberto Carlos Carballo e os comentarios dos especialistas Víctor López, Jose Valtierra e Moncho Carnero.

O Celta afronta este compromiso nun momento doce, tras golear o finalista da Europa League, o Vilarreal, no seu campo da Cerámica. Mentres, o Xetafe xoga un encontro con sabor a final, xa que, ao perder fronte ao Eibar, entra no grupo de candidatos a perder a categoría ao remate da temporada.

Mesa de debate tras o partido

A emisión do ‘Galicia en goles’ prolongarase ata as 10 da noite e a partir das 11, o programa ‘Ao contraataque’ ofrecerá a comparecencia do adestrador Chacho Coudet e abrirá mesa de debate para analizar o sucedido en Balaídos.

A competición volverá na fin de semana para o Celta, que pode ser un dos xuíces do título, xa que visita o Barcelona no Camp Nou o domingo ás seis e media da tarde. Será un día intenso para o celtismo, porque tras o partido de Primeira comezará o de ascenso á Segunda entre o Celta B e o Athletic de Bilbao B.

Na fin de semana, os oíntes poderán informarse do deporte o venres de oito e media da tarde a 12 da noite; o sábado, de 3 da tarde a 11 da noite, e o domingo na sesión matinal das 12 do mediodía e desde as 3.

Fuente Crtvg.es