Chega este luns á TVG ‘María Casares. A muller que viviu mil vidas’, un documental de Xavier Villaverde con motivo do centenario da actriz galega

0
27

Santiago, 28.11.2022.-    A Televisión de Galicia ofrece esta noite o filme documental de Xavier VillaverdeMaría Casares. A muller que viviu mil vidas’, que se presentou na Seminci e que hai uns días se estreou en pantalla grande na Coruña, coincidindo co centenario do nacemento desta muller tan fascinante como descoñecida para moitos.

Con esta produción, Villaverde, director de películas como ‘Fisterra’, ‘Continental’ e ‘Trece badaladas’, achégase de xeito íntimo e profundo a unha muller extraordinaria cuxa vida quedou marcada pola Guerra Civil e o exilio a Francia, onde acabou converténdose nunha das actrices máis aclamadas do cine e do teatro.

O documental pretende ser tamén unha homenaxe desde a súa Galicia natal, que nunca esqueceu, a unha figura cegadora, magnética e fundamental nas artes escénicas da Europa do século XX. Con este proxecto preténdese recuperar e reivindicar a figura da actriz coruñesa, achegándolles aos espectadores a súa vida e o seu legado con sinceridade e rigor.

Cando en 1936, con 13 anos, María Casares fuxiu coa súa nai da Guerra Civil Española e cruzou a fronteira dos Pireneos camiño do exilio, non imaxinaba que ía converterse nunha das actrices máis aclamadas do cinema e do teatro francés nunha época en que Francia era a meca cultural do mundo. Intérprete camaleónica, esixente, inconformista e cun sentido da aventura constante, María alcanzou case todo na súa vida, no teatro e no cinema. Foi unha loitadora infatigable pola súa liberdade como muller e viviu un profundo compromiso político coa España exiliada durante a ditadura franquista, sen renunciar á súa nacionalidade española.

A súa carreira como actriz foi unha aposta permanente polo risco creativo, polas novas linguaxes escénicas e por autores noveis aos que apoiou incondicionalmente co poder que o seu nome representaba. Casares, falecida en 1996, era monstro incansable da escena, obsesionada coa procura permanente de personaxes e propostas teatrais audaces e polémicas, para sorprender e descolocar continuamente un público e unha crítica que a amaron  profundamente e que a converteron nun mito.

Fuente Crtvg.es