‘Chegar á casa. O infiel galego’, a nova serie para o ‘prime time’ dos martes na Televisión de Galicia

0
68

Santiago, 20.02.2022.-    Un marido perfecto, un pai exemplar, un amor imposible de romper. E, de súpeto, todo salta polos aires e toca volver empezar. Este é o punto de partida da serie ‘Chegar á casa. O infiel galego’. Esta nova aposta de ficción para os martes á noite na Galega, que se estrea o vindeiro 22 de febreiro, está composta de 8 episodios, e parte da historia dunha muller que regresa á súa terra natal, en Portugal, tras o fracaso do seu matrimonio e despois de vivir durante 15 anos en Santiago de Compostela.

Dirixida por Sérgio Graciano, a serie ten como protagonistas os actores galegos Miguel Ángel Blanco e Sara Casasnovas, coñecidos para os espectadores pola súa participación en ‘Serramoura’, entre outros traballos. Tamén forman parte do elenco os intérpretes portugueses Joana Seixas, Rodrigo Tomás, Duarte Melo e Rubén Gomes, entre outros.  

A protagonista é Marta, unha muller de 40 anos, que comeza a serie oíndo do seu marido a frase máis temida: “Creo que isto xa non dá máis de si’. Quince anos de matrimonio, dous fillos, unha casa coa hipoteca pagada e a rutina á que ela adoitaba chamar felicidade. Todo isto é o que perde cando Caetano, CEO dunha empresa de telecomunicacións, lle pide o divorcio. Todos os sinais que Marta ignorou ao longo dos últimos meses teñen agora sentido: deixouna por unha muller máis nova. Ás primeiras de cambio, Caetano xa lle abre as portas da casa familiar á súa nova moza e Marta, responsable de comunicación na empresa do seu marido infiel, decide dimitir, deixar a súa vida en Santiago de Compostela e mudarse cos seus fillos á súa vila natal, no norte de Portugal. Este divorcio será a primeira peza en caer dun dominó que, co seu efecto, lles vai afectar a todos e cada un dos personaxes de ‘Chegar á casa. O infiel galego’.

Fuente Crtvg.es