Cinco famosos serán postos a proba cada semana no novo programa da TVG ‘Comando G’, un espectáculo cun ritmo trepidante e cheo de emocións

0
36

Santiago, 08.12.2021.-    Un novo talent show de famosos chega á Televisión de Galicia, que este mércores estrea o programa ‘Comando G’ (23:05 h) na súa versión ‘Celebrity’, un espectáculo de gran formato, cun ritmo trepidante e cheo de emocións, presentado por Adrián Díaz, que cada semana porá a proba cinco caras moi coñecidas da audiencia galega para comprobar a súa capacidade de adaptación e o seu sentido do humor.

O ‘Comando G’ está integrado por cinco persoas cun longo percorrido profesional, cada unha no seu xénero, coñecidas e admiradas por público de distintas xeracións A modelo e presentadora Paloma Lago; a presentadora e naturópata Patricia Pérez; o cantante Alberto Comesaña; a actriz Trisha Fernández, que cada venres conduce o ‘Luar’ xunto a Xosé Ramón Gayoso, e Lucía Rodríguez, presentadora do magazine da TVG ‘Sabadeando’, son os cinco famosos que cada semana se enfrontarán aos retos que lles propoña ‘Comando G’, retos que os sacarán da súa zona de confort e que, en moitas ocasións, os levarán ao límite.

En ‘Comando G’ deberán facer cada semana un exercicio creativo e humorístico de inmersión na realidade galega, xa que durante unha xornada compartirán a vida dun cidadán anónimo, poñéndose na súa pel e compartindo os seus labores habituais, desde pasar unha noite e converterse nun máis do equipo de limpeza que recolle o lixo en Vigo ata erguerse ás 6 da mañá para ir mariscar ao Carril.

Os cinco famosos visitarán distintos lugares de Galicia para vivir experiencias singulares e terán que convencer un personaxe anónimo da contorna para que asista como o seu padriño no estudio do programa e defenda o seu traballo. Esa experiencia converterase nun contido artístico que deberán interpretar sobre o escenario, con letras en ton de humor, versións de temas moi coñecidos, baseadas nas súas vivencias.

O seu bo facer, tanto na experiencia coma no escenario, será avaliado por un xurado integrado polo presentador Xosé Manuel Piñeiro, que será a voz comprometida co escenario e o formato, e polo xornalista, escritor e compositor Xosé Luis Blanco Campaña, que se converterá na voz da experiencia emérita. A eles unirase cada semana un artista convidado que, ademais de presentar os seus traballos máis recentes, exercerá de xurado durante todo o programa. O xurado disporá cada mércores de 50 puntos para repartir entre os cinco famosos. Cada programa pecharase cun gañador, que recibirá un cheque para destinar á ONG ou causa benéfica da súa elección.

Na primeira entrega do programa, que hoxe contará coa participación da cantante Lucía Pérez como artista convidada, Paloma Lago viaxará ata Lugo para coñecer o oficio do seu padriño, Domingo López. Durante un tempo, ela crerá que está traballando nunha granxa de vacas, ata que descubra que se converterá por un día en inseminadora de touros.

Pola súa parte, Lucía Rodríguez irá ata a estación de Manzaneda crendo que a súa experiencia é unha viaxe en globo aerostático, algo que lle produce moito estrés polo seu medo ás alturas, pero, en realidade, o seu reto de hoxe será facer o mantemento da estación, unha experiencia con todo tipo de dificultades para ela. Mentres, o primeiro reto de Alberto Comesaña será participar nunha clase de pole dance coa campioa de España, Karina James, pero comezará o programa cun accidente que porá en dúbida a súa continuación.

Patricia Pérez tamén iniciará esta aventura sufrindo, pero no seu caso porque o seu padriño, o youtuber Breixo Fernández, convidaraa a entrar nun psiquiátrico abandonado, unha experiencia inquietante dende o primeiro minuto. E Trisha Fernández viaxará ata a Escola de Hípica A Muralla, en Redondela, para xogar ao horseball, unha disciplina ecuestre a medio camiño entre o polo, o rugby e o baloncesto. 

Fuente Crtvg.es