‘Clac’ proxecta esta semana a película ’18 comidas’, de Jorge Coira, con historias cruzadas que se desenvolven entre almorzos, xantares e ceas

0
60

Santiago, 15.10.2021.-     Este venres chega a ‘Clac’ (22.50 h), o programa de cinema da segunda canle da Galega, a película ‘18 comidas’, a terceira longametraxe de ficción do cineasta lucense Jorge Coira. O filme presenta seis historias, ás veces con toques de comedia e outras de drama, e 24 personaxes que andan na procura da felicidade e o cruzamento de sentimentos prodúcese cun prato de comida diante, no almorzo, no xantar ou na cea.

Este filme de Coira chegou despois de ‘Entre bateas’, o traballo en que fixera unha crónica de amizade traizoada nunha contorna de narcotráfico, e tras a historia canalla ‘O ano da carracha’.

‘18 comidas’ relata un feixe de historias cruzadas nunha soa xornada e fai os espectadores partícipes dalgúns deses momentos que poden cambiar unha vida. Os personaxes buscan, simplemente, ser felices. E, para iso, sincéranse cos demais entre almorzos, xantares e ceas.

No elenco de ‘18 comidas’ coincidiron actores galegos como Luís Tosar, Fede Pérez, Víctor Fábregas e Pedro Alonso, con intérpretes coñecidos no audiovisual español como Víctor Clavijo e Sergio Peris- Menchetta. Tamén ten un papel destacado Camila Bossa, que xa traballara con Jorge Coira en ‘O ano da carracha’ e en series como ‘As leis de Celavella’.

Previa á emisión da película na G2, a xornalista e directora do programa, Tania Fernández Lombao, xunto ao experto en cinema dos medios públicos Eduardo Galán, conversarán co seu director, Jorge Coira, e coa actriz Camila Bossa, que lembrarán como se gravou esta película de formato pouco convencional, con diálogos abertos á improvisación. Explicarán como se artellou a rodaxe das distintas escenas e como se gravaba durante hora e media seguida á espera de que se producisen os momentos álxidos por si mesmos, sen guión. Ademais, as distintas historias que compoñen o filme foron gravadas coa dificultade engadida de que o elenco comía e bebía mentres actuaba.  

Ademais do coloquio e a proxección da película, como cada semana, ‘Clac’ incluirá unha sección con información da actualidade cinematográfica e das novidades da carteleira. 

Fuente Crtvg.es