Co especial ‘Volve Desmontando Galicia’, a TVG presenta esta noite a nova temporada dun programa que non vai deixar monumento nin paisaxe sen desarmar

0
79

Santiago, 06.09.2021.-   O programa ‘Desmontando Galicia’ está a piques de comezar unha nova e espectacular temporada e a TVG quere esta noite avanzar parte dos contidos máis destacados que ofrecerá proximamente e recuperar algúns dos mellores momentos dos programas xa emitidos.

Este espazo da Televisión de Galicia proponse en cada unha das súas entregas, darlle a volta a todo, armar e desarmar canto se lle poña por diante. E nesta nova temporada non vai quedar monumento, infraestrutura nin paisaxe sen desmontar.

‘Desmontando Galicia’ atrévese con todo: xa desmontou a catedral de Santiago, a ponte de Rande, a muralla de Lugo, a construción do AVE… e a cousa non acaba aí. A este paso vai montar e desmontar Galicia enteira. O aeroporto de Santiago, o porto de Vigo, o Cabo Vilán… non vai quedar recuncho da paisaxe galega ao que non lle dea a volta para que os espectadores poidan velo como nunca antes.

Para este programa especial, a TVG contará coa colaboración de Víctor Fábregas, que irá introducindo os distintos lugares que se van desmontar e que manterá un divertido diálogo con Quique Morales, o narrador que lle pon voz ás recreacións audiovisuais do programa.

Nesta nova andaina, ‘Desmontando Galicia’ atreverase a amosar a alma das Illas Cíes, navegará polas augas do Miño, entrará no corazón dos estaleiros e visitará a antiga fábrica de Sargadelos e a praia das Catedrais, entre outros retos. De todos estes lugares, os espectadores irán vendo como se crearon, cal foi a súa orixe e curiosidades que se presentarán coas habituais e espectaculares recreacións do programa.

Fuente Crtvg.es