Co ‘Evento G’ ‘A sala na que me namorei’, a TVG homenaxea este domingo as grandes salas de festas galegas

0
81

Santiago, 02.04.2023.-    A Televisión de Galicia realiza hoxe un ‘Evento G’ desde ‘A sala na que me namorei’. Este programa especial fará un percorrido por varias salas de festas de Galicia para destacar a súa función social e o valor que teñen para a xente que é feliz nelas.

A xente xubílase do traballo, pero non do amor nin das ganas de pasalo ben. Por isto, o ‘Evento G’ deste domingo amosará grandes historias de amor que se teñen dado nas salas máis míticas de Galicia. Pero o programa tamén sairá de marcha coa xente nova para ver como viven o seu ocio nos locais de moda hoxe en día. Arturo Fernández, desde o estudio, e a reporteira Amanda Fernández, desde os distintos recintos, conducirán este percorrido.

Como en toda sala de festas que se prece, en ‘A sala na que me namorei’ haberá moita música, a cargo da histórica orquestra galega Los Satélites e de Pili Pampín e Ortiga. Contará tamén coas actuacións de 12 grandes cantantes galegos de música lixeira e de verbena, como Lito da Panorama, César Romero, Alejandra Pais, Miguel Torres, Diego Moreira, Tania Veiras, José Costas e María Kilate, entre outros.

Ademais, o programa intentará formar unha parella de baile profesional entre os convidados e, ao final da velada, elixirase o rei e a raíña do baile nesta sala que hoxe montará a TVG.

Fuente Crtvg.es