Co novo programa ‘Tal como somos’, a TVG amosará desde esté sábado como cambiou Galicia nas últimas décadas e como é hoxe en día

0
19

Santiago, 18.09.2020.-   A TVG estrea este sábado o programa ‘Tal como somos’, un documental que pretende achegarlles aos espectadores unha realidade vibrante, en branco e negro e cor  e en que todos os galegos achegaron o seu gran de area. O obxectivo é amosar  como cambiou Galicia nas últimas décadas e tal como somos hoxe en día en todas as esferas da vida.

Para isto, ‘Tal como somos’, unha produción de Sálvora Producciones para a Televisión de Galicia, contará con imaxes de arquivo que servirán de plataforma para amosar o progreso e o cambio dunha comunidade, a galega, comprometida co futuro.
       
Na primeira entrega, o protagonista será o mar galego. Con 1.500 quilómetros de costa, o mar é a esencia de Galicia, porque transcende máis alá da costa, das rías, das praias, dos esteiros, dos cabos e dos portos. Xa desde tempos inmemoriais os galegos botáronse ao mar á procura de alimento. A tradición pesqueira fixo dos mariñeiros auténticos viaxeiros que buscan sustento nos mares máis afastados. Hoxe, xunto á pesca de baixura no interior das rías, convive unha pesca de altura no Gran Sol, no sur de África ou fronte á costa da austral Arxentina.

Nas rías, mexilloeiros e mariscadoras. Nos agrestres cantís, percebeiros. E na terra circundante, granxas de acuicultura, estaleiros, conserveiras e lonxas. Todo combinado cunha gastronomía de peixes e mariscos que non ten parangón. Porque Galicia é unha potencia mundial no uso de recursos mariños e mesmo está a considerar a importancia do mar como lugar de lecer. A pesca deportiva, a vela recreativa e os deportes náuticos completan un conxunto de actividades que atraen hoxe en día visitantes de todo o planeta.

Fuente Crtvg.es