Cobertura especial da xornada electoral catalá, o domingo, na CRTVG

0
12

Santiago, 11.02.2021.–    Os medios públicos galegos informarán este domingo do transcurso da xornada electoral en Cataluña. Na TVG, a cobertura comezará ás 9.00 horas coa apertura dos colexios electorais e, ao peche das urnas, ofrecerase o programa especial ‘Eleccións Cataluña 14-F’, ás 19.55 h, coas primeiras reaccións políticas e os datos do escrutinio. Ao longo do día os espazos informativos da Televisión de Galicia e os boletíns da Radio Galega achegarán datos de ambiente, participación, e as votacións dos principais líderes políticos, con conexións en directo co xornalista Marcos Sueiro, á cabeza do equipo da TVG desprazado en Barcelona, no Centro de Datos do Parlamento de Cataluña.    

Na TVG, o ‘Bos días’ (09.00 h), presentado pola xornalista Pilar Landín, dará conta da constitución das mesas electorais e da apertura dos colexios. No serán, o especial ‘Eleccións Cataluña 14-F’ (19.55 h), presentado por Carlos Amado, ofrecerá os resultados dunha enquisa para FORTA sobre intención de voto, elaborada por GAD3.

No Estudio 300 de San Marcos, Carlos Amado contará coa participación da profesora María Bastida e do xornalista José Luis Gómez. En conexión en directo, conversarase tamén con María Martín Revuelta, directora de Comunicación de GAD3; con Matilde Massó, profesora de Socioloxía da Universidade da Coruña, e con Antón Costas, catedrático de Política Económica da Universidade de Barcelona. Para o remate do reconto, no ‘Telexornal noite’, a xornalista Irene Lourido volverá conectar ás 23.35 horas co Centro de Datos de Cataluña, e ofreceranse as primeiras comparecencias e reaccións dos principais líderes políticos.

Xornada electoral na Radio Galega

A Radio Galega ofrecerá este domingo un programa especial a partir das 20:00 horas. Desde o peche dos colexios electorais ata a publicación dos resultados, os analistas políticos Luis Pérez e María Cadaval compartirán mesa de faladoiro cos directores das cabeceiras máis destacadas da prensa galega e catalá.

Durante toda a xornada, o portal web crtvg.gal e os perfís nas redes sociais da CRTVG realizarán unha cobertura informativa especial, en que destacará a achega en tempo real dos resultados electorais a medida que se vaia producindo o escrutinio.

Fuente Crtvg.es