Comeza a gravación de ‘Sen fronteiras’, un novo formato coproducido pola Televisión de Galicia e a RTP

0
7

Santiago, 21.07.2020.-  Este luns deron inicio as gravacións do programa ‘Sen Fronteiras’, un novo formato para a Televisión de Galicia e para a portuguesa RTP. Neste espazo, os televidentes descubrirán diferentes lugares de Galicia e do norte de Portugal que teñen o mesmo topónimo.

O programa será presentado polo galego Javier Varela e a portuguesa Beatriz Gosta, que farán de guías e viaxarán a estas vilas para comprobar se os topónimos galegos e portugueses teñen a mesma orixe. Tamén coñecerán as súas tradicións, a súa cultura, a súa gastronomía, as súas festas e as súas xentes. Ambos os dous descubrirán as vilas en primeira persoa e contaranlles aos seus compatriotas que é o que máis lles sorprende e lles gusta de cada lugar, unha experiencia propia que encherá o programa de naturalidade, frescura e diversión.  

En cada entrega de ‘Sen Fronteiras’ visitaranse dúas vilas co mesmo nome, unha galega e a portuguesa correspondente. Varela percorrerá as vilas portuguesas mentres que Gosta fará o mesmo en Galicia. A través dos presentadores e os veciños de cada vila darase a coñecer como é a vida neses lugares e se hai diferenzas ou non entre eles. 

‘Sen Fronteiras’ está producido pola galega M International Audiovisual e a portuguesa SPI froito das relacións xurdidas no V Foro de Coproduçao Galicia-Portugal impulsado por AGADIC (Xunta de Galicia) e o ICA (Portugal). 

Fuente Crtvg.es