Comeza a rodaxe de 'A Estiba', o novo thriller policial da TVG, que se estreará despois do verán

0
11

Santiago, 24.06.2019.-  Televisión de Galicia atópase inmersa no proceso de produción dun novo thriller para o seu horario de máxima audiencia. Precedido polo éxito recente deste xénero con ‘O Sabor das Margaridas’, esta semana comezou a rodaxe das primeiras secuencias de ‘A Estiba’ no porto da Coruña. Con moitas localizacións en exteriores, é a primeira ficción da TVG inspirada no traballo da Policía Nacional, capitaneada por unha muller, a actriz Melania Cruz. A súa estrea chegará á grella da canle pública a próxima temporada de outono-inverno.

Dirixida por Miguel Conde (‘O Sabor das Margaridas’), cómpre salientar que na realización deste thriller, formado por 15 capítulos, teñen moita presenza as localizacións de interiores naturais e en exteriores de Sada, Culleredo, Bergondo, A Coruña e Ferrol, amais tamén da rodaxe de secuencias de noite e no amencer.

Un misterio é o punto de partida de ‘A Estiba’, que comeza co atraque dun barco no porto da localidade ficticia de Ardora, onde toda a súa tripulación foi masacrada. Cando os seus mellores policías van investigar o acontecido, descobren que no porto rexe unha soa lei, a do silencio. Ardora é unha cidade próspera, de tamaño medio, en que os seus habitantes viven da actividade comercial e industrial do seu porto, pero que como contraprestación conta cos índices de criminalidade máis elevados do país.

Voz Audiovisual, creadora de series de éxito da Galega como ‘Matalobos’ e ‘Serramoura’, é a produtora que dá vida a este proxecto, para o que conta con actores galegos destacados como Luis Iglesia, que pasa do papel de Carmelo Matalobos como narcotraficante ao de comisario de policía a piques de se retirar; Ana Santos, moi coñecida polo seu traballo recente en ‘Padre Casares’ como a tenra Elsa; Adrián Castiñeiras, protagonista de ‘Viradeira’, ou o ourensán Fernando Dacosta, membro da compañía Sarabela Teatro. Unha serie en que haberá un elenco dunha vintena de artistas con peso nas tramas, distribuídas entre as familias Fortes e Longueira, os inspectores da comisaría, os traballadores do porto e algúns personaxes da vila.

Na foto superior, o director Miguel Conde con Melania Cruz, a actriz principal.

Fuente: TVG

Dejar respuesta

Please enter your comment!
Please enter your name here