Comeza na Fonsagrada a rodaxe do filme ‘As Neves’, ópera prima de Sonia Méndez, participado pola TVG

0
35

Santiago, 13.12.2022.- A longametraxe ‘As Neves’, ópera prima da actriz e directora viguesa Sonia Méndez, comezou a rodarse este luns na Fonsagrada. O filme, coprodución de de Cósmica Producións  e Aquí y Allí Filmes, conta co apoio da Televisión de Galicia, e os traballos de gravación estenderanse ata o 14 de xaneiro.

‘As Neves’ é un drama psicolóxico que recolle unha historia moderna de adolescentes, acaecida no medio rural. En concreto, amosa como a rutina dun grupo de rapaces da vila se ve alterada pola desaparición de Paula, que estaba a sufrir acoso por parte dos seus compañeiros. A súa desaparición coincide coa celebración do Entroido e coa chegada dun temporal de neve que deixa illada a localidade. 

Sonia Méndez emprende a súa primeira longametraxe como directora logo de asinar títulos coma o documental ‘Luz Fandiño: a poeta analfabeta’ (2020); a serie dixital ‘Antes de perder’ ou curtametraxes coma ‘Conversa cunha muller morta’ (2012) e ‘Café-Bar Santos Perruquería’ (2015).

Ademais de ‘As Neves’, a TVG coproduciu este ano outros tres filmes. ‘A parra’, de Filmika Galaika, con dirección de Alberto Garcia, aborda dentro do xénero do film noir a crónica dun Ferrol detido no tempo, dun xeito onírico e persoal. ‘Fatum’ é un ambicioso proxecto de Vaca Films, primeira longametraxe de Juan Galiñanes, con guión de Alberto Marini. Trátase dun thriller construído en torno aos tres piares básicos da vida: saúde, diñeiro e amor. A canle pública tamén participou no filme para televisión ‘O meu ilustrísimo amigo’, de Agallas Films, que contou tamén co apio da Televisión Canaria e TV3.  Dirixido pola galega Paula Cons, afonda na historia de amor da condesa Emilia Pardo Bazán e o escritor Benito Pérez Galdós.

Neste ano que remata, a canle pública continuou prestando o seu apio a proxectos que destacan pola súa creatividade, calidade, viabilidade e capacidade de repercusión social, prestando tamén atención ao seu valor artístico e relación coa realidade social e cultural galega. Tamén tivo en conta os recursos humanos, biografías dos autores, historia das produtoras, recursos económicos implicados e previsións de gravación en Galicia. Deste xeito, mantivo a súa estratexia de fomento da internacionalización do sector audiovisual autóctono, impulsor do xénero xa coñecido como Galician Noir.

Fuente Crtvg.es