Con 'Latexos da Cidade', a TVG tomaralles o pulso ás grandes urbes galegas a través dos seus habitantes

0
3

Santiago, 26.06.2019.-  Televisión de Galicia comeza este mércores a medir os ‘Latexos da Cidade’ (22.00 h.), un novo programa que lles tomará o pulso ás grandes urbes galegas a través dos seus protagonistas: as persoas que as habitan, con vidas extraordinariamente normais mais cheas de contrastes e matices. A través das súas rutinas, os espectadores saberán, por exemplo, a que hora espertan Vigo ou A Coruña, a que hora abren os colexios en Ferrol, que fai un policía ou un bombeiro no seu día a día en Pontevedra ou en Ourense e en que lugares se desafogan os lucenses despois dun duro día de traballo.

Cada semana, os espectadores coñecerán tres personaxes con vidas únicas e poranlles nome, voz e historia ás persoas coas que se cruzan cada día. Serán persoas anónimas, cos seus traballos, coas súas inquedanzas e con vidas dignas de ser contadas. O programa achegarase ás diferentes facetas do seu día a día para comprobar de que está composto o seu universo particular. Ademais, a audiencia descubrirá como o corazón da xente latexa ao mesmo ritmo que o das cidades onde viven.

O panadeiro, a froiteira, o deseñador, a arquitecta, o camareiro, a profesora, a praceira, o traballador da recollida do lixo, o artista de rúa, o cura, a monxa, o xeadeiro, o carteiro, a psicóloga, o cirurxián, a peiteadora, o repartidor, o policía, a garda civil, o taxista, o comercial, a churreira… Todos estes personaxes e moitos máis fan latexar unhas cidades que non dormen, nin de día nin de noite e que viven 24 horas grazas á xente que circula por elas e forma parte das súas arteiras principais.

Na súa estrea, ‘Latexos da Cidade’ irá de mañanciña cara a Vigo, onde os 122 vendedores do mercado de Coia están xa a montar os seus postos. Despois porá rumbo á Coruña, onde o bo ambiente e a boa comida non poden faltar nun barrio máis coruñés que a propia torre de Hércules: Monte Alto. O programa pasará a tarde rodeado de peregrinos que collen un autobús para volver á casa na estación de Santiago de Compostela e rematará o día coa tensión dun bo partido de baloncesto co Breogán de Lugo.

Fuente: TVG

Dejar respuesta

Please enter your comment!
Please enter your name here