Con motivo da MIT, a edición matutina do 'Diario Cultural' ofrécese este venres desde Ribadavia

0
5

Santiago, 18.07.2019.-    A Radio Galega celebra a 35ª edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) ofrecendo este venres a edición matutina do ‘Diario Cultural’ (de 10.30 a 11.00 h.), desde a localidade ourensá, que ata o 27 de xullo volverá converterse en capital mundial da escena.

Un total de 24 espectáculos de 5 nacionalidades, obradoiros, teatro de rúa e encontros cos artistas converterán Ribadavia nun inquieto e insólito escenario, con actuacións en prazas e rúas, no castelo, na igrexa da Magdalena e no Barrio Xudeu.

Nesta edición, o teatro documento e o concepto espello son o fío condutor dun encontro escénico de referencia, que busca ser un lugar de convivencia entre os mestres da escena nacional e internacional e unha plataforma que lles dea impulso aos novos creadores.

Nos micrófonos da Radio Galega, Belén Regueira conversará co director da MIT, Roberto Pascual, colaborador habitual do ‘Diario Cultural’, e con Pablo Reboleiro, da compañía Pistacatro, que este ano recibe o Premio de Honra do certame pola súa contribución ao desenvolvemento das artes circenses en Galicia.   

Tamén estarán no programa a actriz Alicia Laguna, da compañía mexicana Teatro Línea de Sombra, e os actores Luciano Rosso e Nicolás Poggi, ambos os dous da compañía arxentina Un Poyo Rojo, que esta noite inaugura a 35ª edición da MIT cun espectáculo aclamado polo público.

No marco do seu compromiso coa cultura e da súa estratexia #cultura365, a Radio Galega e a Televisión de Galicia son medios colaboradores da Mostra de Teatro de Ribadavia, amosando así o seu apoio a este encontro mítico da escena galega.  

Fuente: TVG

Dejar respuesta

Please enter your comment!
Please enter your name here