Conta atrás para o remate de ‘Serramoura’, que chega ao seu final o domingo na Televisión de Galicia

0
16

Santiago, 22.10.2020.-  A Televisión de Galicia ofrecerá este domingo, ás 22.30 h, o final máis agardado nos últimos anos dunha serie de televisión, o de ‘Serramoura’, a ficción que xa é parte da historia recente da canle pública e que, despois de 173 capítulos e seis anos en emisión, se despedirá definitivamente dos espectadores galegos.

Para este emocionante momento, a Galega prepara un evento especial que xuntará todos os actores de ‘Serramoura’, os actuais e os que xa desapareceron das tramas, para ver o último capítulo e compartilo cos seguidores da serie. Por iso, as redes sociais da canle pública animan estes días os serramourers a enviar os vídeos e preguntas para que os protagonistas da serie contesten durante o especial ‘Evento G’ que se emitirá o domingo xusto antes e despois do derradeiro episodio. Será un programa, presentado por Alba Mancebo e Arturo Fernández, con moitas anecdótas, lembranzas e, sobre todo, cunha gran sorpresa para todos os fans desta ficción. Haberá na fin da serie o principio de algo novo?

Nos estudios da CRTVG en San Marcos reúnense para a ocasión actores como Lucía Regueiro, Isabel Naveira, Alfonso Agra, Monti Castiñeiras, Tito Asorey, Miguel Canalejo, Sonia Méndez, Xulio Abonjo e Luís Iglesia. Tamén participan Fran Paredes, que lleu vida a Gonzalo Soutelo, o primeiro asasino de ‘Serramoura’, e que se reencontrará coa súa nai, interpretada por Uxía Blanco; Sheyla Fariña, que interpretaba a Álex, a filla falecida de Raquel e Pancho; Mariana Expósito, cuxo personaxe de Luz tampouco chegou ao final da serie, e Susana Sampedro, que interpretaba a tenente Rivas, o malogrado grande amor de Santos. Ademais, os espectadores vivirán un emocionante reencontro, o de Diego Bazán, interpretado por Miguel Ángel Blanco, con Marga Neira (Lucía Regueiro), a gran historia de amor da serie, que tivo a audiencia en ascuas durante moitos capítulos.

‘Serramoura’ foi desde 2014 o produto estrela da TVG no prime time dos domingos, onde colleitou grandes cotas de audiencia. De feito, 1.642.000 persoas, o 62,4% dos galegos, viron nalgún momento a serie ao longo deste tempo. Esta ficción, un thriller rural ambientado nunha pequena vila galega que vive do sector da madeira e onde comezan a sucederse os crimes, foi gañadora durante catro anos consecutivos do Premio Mestre Mateo á mellor serie de televisión, deu o salto ao mercado internacional co nome de ‘Black Forest’ e chegou a emitirse en Rusia e nos Estados Unidos.

Fuente Crtvg.es