‘Convivir Deportivo’ emite este venres, en directo por radiogalega.gal e g24.gal, un programa dedicado ao proxecto inclusivo ENKI

0
16

Santiago, 02.06.2022.-    A Radio Galega instala este venres o seu estudio móbil no palacio de María Pita, no Concello da Coruña, onde a partir das 18.00 h ofrecerá unha edición máis do programa ‘Convivir Deportivo’, conducido por Alfonso Pardo. Desta volta, o protagonista é ENKI, un proxecto que naceu hai oito anos co obxectivo de converterse nun referente deportivo modelo de inclusión e participación de persoas con diversidade.

O programa chegará á audiencia en directo a través das plataformas dixitais radiogalega.gal e g24.gal. Durante os 55 de duración, pasarán polos micrófonos, entre outros convidados, a xerente e fundadora de Enki, Carme Touza; o presidente, Ángel López; a deportista María José Pose e os marines José Luis Fernández e Rocío Alonso.   

Os convidados falarán das carreiras e da importancia do ocio e do deporte inclusivo, así como do traballo con outras entidades. Outros asuntos que estarán enriba da mesa son o deporte adaptado, os deportistas con discapacidade, a sensibilización nos colexios e a importancia da educación na inclusión.

Esta emisión de ‘Convivir Deportivo’ coincide coa carreira dos superheroes, un evento que converterá A Coruña na capital do deporte inclusivo. 3.500 atletas participarán con chip de cronometraxe, pero as prazas continúan abertas para aqueles que queiran percorrer os sete quilómetros que separan o estadio de Riazor da praza de María Pita. A Radio Galega tamén estará presente o domingo na celebración para falar cos principais protagonistas no programa ‘Galicia en Goles’.

Xa o sábado, a edición habitual que chega pola FM ás 13.00 h estará dedicada ao pádel desde Castrelo do Val.

Fuente Crtvg.es