‘Corazón de toxo’, de Rotce, Adri Coyote e La Quinkillada, nova canción do verán da CRTVG

0
58

Santiago, 27.06.2022.-    A CRTVG xa ten a súa banda sonora para este verán de 2022. A canción ‘Corazón de toxo’, de Rotce, Adri Coyote e La Quinkillada, é a gañadora da sexta edición do certame ‘Este verán canta con nós’, resolto hoxe en Santiago. A canción, que xa pode escoitarse na web da CRTVG foi premiada con 1.000 euros e terá difusión nos distintos programas da Televisión de Galicia e da Radio Galega, así como nas súas redes sociais.

A canción gañadora, unha electrocumbia moi apegadiza que convida ao baile, convenceu o xurado pola súa ledicia, por ser moi ‘verbeneira’ e moi galega e por contar con todos os elementos para triunfar este verán, para soar en todas as discotecas, en todas as verbenas e en todas as casas de Galicia. Os artistas Rotce e Adri Coyote, que xa colaboraran noutros proxectos, uníronse nesta ocasión a membros de La Quinkillada, un grupo que se define como unha sinerxía entre a maxia da verbena galega e a forza dun festival, para realizar este ‘Corazón de toxo’ que lle porá a banda sonora ao verán galego.

O xurado de ‘Este verán canta con nós’ estivo composto pola xefa de Programación da TVG, Vanessa Grela; a xefa de Contidos da TVG, Montse Besada; a xefa de Programas da Radio Galega, Tania F. Lombao, e Laura Añón e César Romero, dous recoñecidos cantantes de orquestras que desde este luns presentan na Televisión de Galicia o novo programa ‘Quen Canta Aquí?’. Todos eles coincidiron na calidade e variedade das cancións que se presentaron ao concurso e no difícil que foi decidirse por unha delas, polo que elaboraron un top 5 encabezado pola canción gañadora e en que figuran tamén ‘O Camiño’, de NAY e Nando Llon; ‘Baila co meu son’, de Diariodeverano; ‘Saír de festa’, de Nando Llon, e ‘Camiño Santiago’, de Jorge Menéndez Quartet.

A canción ‘Corazón de toxo’ sucede a ‘Vive Galicia’, de Noelia Solleiro, tema gañador do certame do 2021. En anos anteriores, a vitoria foi para ‘A maxia está en ti’, de Rocío Varela (2020); ‘Que nos pille rebolando’, de Aquele-e (2019) e as cancións de Plan Siberia ‘Chegou o momento’ (2018) e ‘Xunto a ti’ (2017). A CRTVG desenvolve este concurso, así como o que tamén se convoca en Nadal, co obxectivo de apoiar a música en galego e de descubrir novos talentos.

Fuente Crtvg.es