‘Cos Pés na Terra’ visitará a asociación Animais do Mundo, percorrerá O Cebreiro e aprenderalles aos espectadores a facer zume de verzas

0
6

Santiago, 21.09.2020.-      ‘Cos Pés na Terra’ estará na entrega deste luns na compaña de Silvia e Sergio, de ‘V de Vegetal’, proxecto dedicado á divulgación das propiedades dos produtos da horta, para falar dun clásico da gastronomía galega: as verzas. Os dous protagonistas amosarán que esta verdura tamén se pode degustar en forma de zume.

O programa da Televisión de Galicia visitará así mesmo a asociación Animais do Mundo, dedicada a que os máis pequenos aprendan a enredar, sempre con xeito, con distintas criaturas.

Ademais, o programa fará parada no Cebreiro. O espazo dedicado aos labores, actividades e traballos vinculados ao campo percorrerá os montes desta parroquia lucense xunto con José e Erika, que lles amosarán aos espectadores da canle pública a fermosura desta contorna.

Os espectadores tamén coñecerán a Lola, cesteira de oficio e de corazón, que demostrará que non hai mellor forma de enredar no campo que facendo cousas útiles,  e aprenderán a ter ben mantido o tarro das esencias do campo grazas a Carmen e as súas conservas. E, se o tarro vai cheo, é grazas ao bo facer do seu fillo Jose e á axuda dos habitantes da casa.

Por último, o espazo da TVG propón unha terapia de choque para que os espectadores comproben, da man de José María, que os ratos son ben bos e que o carácter dos animais non ten que ver co seu tamaño.

Fuente Crtvg.es