‘Cousas da casa’ axudará esta semana unha influencer de Vigo e unha youtuber de Cambre a reorganizar os seus espazos

0
25

Santiago, 11.05.2021.-  Hoxe, en ‘Cousas da Casa’ (22.25 h), a experta en orde Vanesa Travieso terá que afrontar tres novos retos en que poñer en práctica as teorías de Marie Kondo, a gurú xaponesa da organización, para acadar harmonía no nosa contorna.

O primeiro caso levará o programa ata Ponteareas para coñecer a influencer Lara Rodríguez, que aos seus 22 anos é a imaxe dun centro comercial da cidade de Vigo. Lara recibe roupa que as marcas lle envían para que a amose nas súas redes sociais. O resultado deste goteo de pezas é un armario que chegou ao límite e un canapé repleto a máis non poder. Aínda que Lara é unha rapaza moi ordenada, ten un problema: non consegue desprenderse de nada.

En Vigo, Vanesa coñecerá a familia González, unha parella con tres fillos e unha cociña caótica por mor do afán de Laura de coleccionar aparellos eléctricos que lle faciliten as tarefas nos fogóns. Vanesa descubrirá nesta cociña unhas despensas ateigadas e unha neveira a punto de estoupar, pero o verdadeiro exame para a experta en orde, será o de poñer en verea os gatos da familia, acostumados a utilizar a cociña como o seu salón de xogos.

A última parada da ‘coach da orde’ será en Cambre, onde a espera Isa Villanueva, youtuber e nai dunha nena de seis anos á que queren sorprender cunha nova reorganización do seu cuarto. Isa e Vanesa traballarán cóbado a cóbado para descartar e reorganizar o espazo da pequena. A sorpresa virá cando Vanesa descubra que neste cuarto a nai ten moitos obxectos e recordos dos que é difícil desprenderse.

Unha vez máis, Vanesa convencerá os protagonistas de que poñer orde nas ‘Cousas da Casa’ conseguirá encher o seu fogar de enerxía positiva e deixará espazo para que outros obxectos marabillosos poidan entrar nas súas vidas.

Fuente Crtvg.es