‘Cousas da casa’ axudará uns irmáns de Vigo a optimizar o espazo do seu cuarto e unha familia de Vimianzo a que o seu salón deixe de ser un parque infantil

0
13

Santiago, 08.06.2021.-  No programa desta noite de ‘Cousas da Casa’ (22.25 h), Vanesa Travieso viaxará  ata Vigo para axudar a familia de Txema, peixeiro no mercado de Teis. Ten dous fillos: David, de 13 anos e Ana, de 20, irmáns do mesmo pai, pero distinta nai. O problema é que desde que foi vivir con eles a sogra de Txema, os nenos comparten cuarto, con todos os problemas de espazo e intimidade que esta situación produce. Vanesa irá á casa desta familia co obxectivo de mellorar a convivencia entre irmáns, axúdandolles a ter máis espazo para cada un e dándolles consellos moi útiles.

A segunda familia protagonista desta semana é a de Cristina, que vive nunha casa en Vimianzo xunto ao seu marido e aos seus tres fillos. O seu salón converteuse nunha especie de parque infantil, onde non se pode nin xogar nin gozar en familia. A cantidade de xoguetes desbordou a estancia e Cristina non pode máis. A coach do programa entrará na súa vivenda co obxectivo de que o salón sexa un espazo agradable para a familia, cunha parte dedicada aos nenos, cos seus xoguetes perfectamente organizados.

E, por último, o espazo da TVG viaxará ata Ribeira, onde Vanesa coñecerá a Carmela, unha muller de mariñeiro apaixonada coa súa vida de ama de casa. O seu home acaba de xubilarse e quere darlle una sorpresa: un espazo para bricolaxe no rocho, un proxecto pendente ao que xa lle chegou o seu momento. ‘Cousas da Casa’ intentará cumprir o desexo deste matrimonio, que comeza una nova vida despois de tantos anos separados polo mar.

Fuente Crtvg.es