CRTVG, a primeira autonómica de España en lanzar unha canle integramente a través de Youtube

0
20

Santiago de Compostela, 10.05.2021.-   A Corporación Radio Televisión de Galicia inicia este luns a emisión ininterrompida do seu sinal internacional a través da plataforma YouTube, converténdose na primeira autonómica e unha das primeiras televisións xeneralistas de España en ofrecer contido en YouTube as 24 horas do día, os 7 días da semana e en directo.

Con esta innovadora acción, a CRTVG segue a desenvolver a súa estratexia de creación de canles dixitais co obxectivo de mellorar a experiencia de consumo para todos os usuarios, e de difusión da lingua e a cultura galega, especialmente para os que acceden aos contidos da Corporación desde fóra de Galicia. A través da canle verificada da CRTVG en YouTube (www.youtube.com/TVG), calquera persoa pode acceder ao sinal en directo da canle TVG Europa, ademais dun amplo repositorio de contidos propios elaborados en TVG. A esta oferta engádeselle a emisión en directo dos eventos máis demandados polos espectadores da TVG, como os partidos de fútbol dos equipos galegos que xogan na Segunda B e na Terceira división.

Contidos orixinais

A canle conta tamén con contidos orixinais creados pola redacción de informativos, como a sección #Menosdunminuto, que explica en 60 segundos a noticia máis destacada de cada día ou unha versión especial para YouTube da canle #Dígochoeu, con máis de 480 vídeos e 150.000 seguidores. Na canle de YouTube da CRTVG tamén se incluirán vídeos especiais cos momentos máis divertidos e entrañables de programas de TVG como ‘Land Rober Tunai Show’ ou ‘Luar’.

“Es una gran noticia ver cómo el mundo audiovisual y las televisiones -nacionales, regionales y locales- prueban nuevos formatos y nuevas maneras de llegar a sus audiencias o hacer crecer éstas para lograr una audiencia global. Nosotros en YouTube estamos felices de poder ayudar a la Corporación Radio Televisión de Galicia a avanzar en el desarrollo de su canal”, sinala Vicky Cazalla, TV & Film Partner Manager de YouTube España. 

“O obxectivo é que se poida acceder e interactuar cos contidos informativos e de entretemento de Galicia desde calquera parte do mundo. Sen dúbida, a mellor opción é a colaboración con Youtube, a maior plataforma de vídeo mundial que nos achega difusión, interacción e a mellor tecnoloxía para ver todo o que facemos nas mellores condicións”, indica José Pereira, director de Innovación e Negocio da CRTVG.

Fuente Crtvg.es