De venres a luns, baloncesto, hóckey a patíns, balonmán e fútbol, no ‘Galicia en Goles’ da Radio Galega

0
12

Santiago, 08.04.2021.-    A cita dos oíntes da Radio Galega coa xornada deportiva da fin de semana comezará o venres ás 20.30 h, co baloncesto da LEB Ouro, a fase de ascenso á Liga feminina e a Euroliga de hóckey a patíns entre o Liceo e o Barcelona como protagonistas da emisión de ‘Galicia en Goles’ ata as 00.00 h.

O sábado, a partir das 15.00 h, o interese estará no Obradoiro-Manresa, da ACB, xunto ao fútbol de Terceira co Arenteiro-Polvorín e o UD Ourense-Viveiro, ademais da fase de ascenso á Segunda feminina que xogan o Interrías de Sanxenxo e o Rácing de Santander B. No balonmán, o Cisne-Guadalajara da Asobal e o Guardés-Granollers da liga feminina terán presenza durante a tarde.

Xa o domingo, a sesión matinal contará desde as 12.00 h tres partidos de Segunda B: Numancia-Rácing de Ferrol, Spórting B-Pontevedra e Lealtad-Coruxo. A partir das 15.00 h, o Mallorca-Lugo converterase no partido da xornada, xunto ao Leonesa-Celta B, Langreo-Deportivo e Marino-Compostela, de Segunda B. A xornada de Terceira tamén terá cobertura nas dúas edicións dominicais.

A xornada rematará o luns cunha edición extraordinaria de ‘Galicia en Goles’, desde as 20.30 h coa retransmisión do Celta-Sevilla desde Balaídos.

Polo demais, a programación deportiva da Radio Galega ofrece estoutros contidos. O sábado, ás 13.00 h, ‘Convivir Deportivo’ emitirase desde Castro Caldelas, onde o Centro Trail organiza unha das carreiras máis duras do mundo. Ás 23.00 h, ‘Gas a Fondo’ resumirá a actualidade do motor, mentres ás 23.30 h, ‘Galicia en Toquio’ pechará a emisión do sábado con toda a información dos deportistas galegos que preparan os Xogos Olímpicos. O domingo, ás 23.00 h, a mesa de debate de ‘Ao Contraataque’ analizará os resultados dos equipos galegos de Segunda e Segunda B, ademais de analizar o Celta-Sevilla do luns.

Fuente Crtvg.es