Deportes tradicionais, traiñeiras, motocrós e fútbol gaélico compoñen a oferta deportiva da G2 para esta fin de semana

0
14

Santiago, 22.07.2022.-    O deporte autóctono regresa esta fin de semana aos medios públicos galegos, que esta temporada comezaron a cobertura dunha serie de competicións anuais de modalidades deportivas tradicionais. Así, o sábado, ás 16.30 h, os espectadores poderán ver en directo na G2 o Campionato de Seleccións de Chave.

Ás 20.00 h será a quenda do Campionato de Seleccións de Billarda, que se disputará no encoro de Beche, en Abegondo, e onde se enfrontarán os combinados do norte e do sur de Galicia. Esta competición vaise xogar cun innovador sistema, que consiste en competir por parellas e golpeando as dúas persoas unha soa billarda. Así, cada selección formou catro parellas mixtas, ou sexa, un xogador da categoría absoluta e unha xogadora da categoría feminina ou da categoría infantil.

Entre medias, ás 18.15 h, chegará unha nova xornada da Liga ACT de traiñeiras, que este sábado recala en Sestao, onde se disputará a XXI Bandeira de Sestao, sétima proba puntuable da temporada para a clasificación xeral da Liga Eusko Label. As embarcacións participantes na regata, que se disputará en tres quendas, terán que completar un percorrido de 5.556 metros de lonxitude, ao que darán catro longos e tres ceavogas.

As traiñeiras continuarán o domingo ás 12.15 h, cando comeza a XLIII Bandeira de Santurce, oitava xornada da Eusko Label. As doce traiñeiras participantes, entre elas, as galegas Cabo e Ares, terán que completar un percorrido de tres millas mariñas.

E, xa pola tarde, ás 17.00 h, chegará á segunda canle da Galega unha nova xornada da Liga Galega de Traiñeiras, nesta ocasión coa retransmisión da XXVII Bandeira Concello de Bueu, en categoría masculina.
    
Á marxe das traiñeiras, tamén será protagonista este domingo o motor, concretamente o Campionato do Mundo de Motocrós. Tras a cita da República Checa, o MXGP pon rumbo a Lommel, en Flandes, para disputar a 14ª proba do ano nun dos destinos máis agardados pola afección e os pilotos. Coñecido por ser un dos circuítos de area máis duros do mundo, o Stedelijk Motorcrossterrein Lommel VZW é o escenario onde se disputará, a partir das 14.00 h, a primeira carreira do Gran Premio de Flandes, que será ofrecido en directo pola G2. A pesar de concluír fóra do podio checo, o galego Jorge Prado, terceiro na clasificación xeral, será un dos pilotos que dará o mellor de si para facerse coa maior cantidade de puntos na area de Flandes.

Outra disciplina deportiva que será protagonista na oferta desta fin de semana é o fútbol gaélico, que regresou pola porta grande este verán á canle pública galega. O domingo, ás 20.00 h, ofrecerase a final do All Ireland, o evento máis importante deste espectacular deporte amateur, en que participan as seleccións de cada un dos 32 condados irlandeses. Kerry e Galway disputan o título.

Fuente Crtvg.es