Derradeiro capítulo de infarto de ‘Serramoura’, o final máis agardado nos últimos anos dunha serie de televisión

0
57

Santiago, 25.10.2020.-   A Televisión de Galicia ofrecerá este domingo o final máis agardado nos últimos anos dunha serie de televisión, o de ‘Serramoura’, a ficción que xa é parte da historia recente da canle pública e que, despois de 173 capítulos e seis anos en emisión, se despedirá definitivamente dos espectadores galegos.

Para este emocionante momento, a Galega prepara un evento especial que xuntará todos os actores de ‘Serramoura’, os actuais e os que xa desapareceron das tramas, para ver o último capítulo e compartilo cos seguidores da serie. Presentado por Alba Mancebo e Arturo Fernández, ‘Evento G: Serramoura’ (22.30 h) contará con moitas anecdótas, lembranzas e, sobre todo, cunha gran sorpresa para todos os fans desta ficción.  Haberá na fin da serie o principio de algo novo?

Nos estudios da CRTVG en San Marcos reuniranse para a ocasión actores como Lucía Regueiro, Isabel Naveira, Alfonso Agra, Monti Castiñeiras, Tito Asorey, Miguel Canalejo, Sonia Méndez, Xulio Abonjo e Luís Iglesia. Tamén participan Fran Paredes, que lleu vida a Gonzalo Soutelo, o primeiro asasino de ‘Serramoura’, e que se reencontrará coa súa nai, interpretada por Uxía Blanco; Sheyla Fariña, que interpretaba a Álex, a filla falecida de Raquel e Pancho; Mariana Expósito, cuxo personaxe de Luz tampouco chegou ao final da serie, e Susana Sampedro, que interpretaba a tenente Rivas, o malogrado grande amor de Santos. Ademais, os espectadores vivirán un emocionante reencontro, o de Diego Bazán, interpretado por Miguel Ángel Blanco, con Marga Neira (Lucía Regueiro), a gran historia de amor da serie, que tivo a audiencia en ascuas durante moitos capítulos.

No último capítulo desta noite, os espectadores verán como, despois de escapar da casa de Moisés, Raquel e Monchiño chegaron ata o río onde ela tiña preparada unha embarcación para escapar co seu fillo da mans do seu secuestrador, pero, no último momento, Moisés consegue arrebatarlle o neno e deixala malferida.

Marga e Roi non tardan en dar co paradoiro de Raquel, pero non hai rastro do neno. Sen tempo que perder, Tomás pon en marcha un novo operativo para atopar a Monchiño san e salvo e para deter a Moisés antes de que faga máis dano.

‘Serramoura’ foi desde 2014 o produto estrela da TVG no prime time dos domingos, onde conseguiu grandes cotas de audiencia. De feito, 1.642.000 persoas, o 62,4% dos galegos, viron nalgún momento a serie ao longo deste tempo. Esta ficción, un thriller rural ambientado nunha pequena vila galega que vive do sector da madeira e onde comezan a sucederse os crimes, foi gañadora durante catro anos consecutivos do Premio Mestre Mateo á mellor serie de televisión, deu o salto ao mercado internacional co nome de ‘Black Forest’ e chegou a emitirse en Rusia e nos Estados Unidos.

Fuente Crtvg.es