Desde as orixinais Sopas de Burro Canso de Muíños, o ‘Vaia troula’ asiste ás tradicionais citas de Catoira, Cambados e Herbón

0
16

Santiago, 7.7.2022.- O domingo á noite chega o momento de gozar co programa máis festeiro da Televisión de Galicia, o ‘Vaia troula’ (23.15 h). Nesta ocasión, a presentadora Noelia Rey viaxará ao concello de Muíños para asistir á Festa das Sopas de Burro Canso e Galo Pica no Chan. E as reporteiras, coma sempre, estarán nas mellores celebracións da fin de semana.

No ‘Vaia troula’ desta semana haberá festas para toda a familia. Noelia Rey dará a benvida aos espectadores desde o concello ourensán de Muíños. Aí a presentadora será unha máis na orixinal Festa das Sopas de Burro Canso e Galo Pica no Chan. Ademais de saborear o delicioso Galo Pica no Chan nunha empanada tamén se poderán probar as tradicionais Sopas de Burro Canso, presenciar a emocionante baixada de carrilanas e bailar coas charangas que encherán de alegría as rúas desta vila.

Pola súa banda, a reporteira Belén Vara irá ata o concello de Padrón para participar nunha nova edición da tradicional Festa do Pemento de Herbón. Adela Bértolo estará en Catoira, onde, tras dous anos de parada, volverase pasalo en grande coa  súa espectacular Romaría Vikinga. E Alba Lea viaxará a Cambados, onde estes días celebran a multitudinaria Festa do Albariño cunha chea de actividades, concertos, e, como non, os mellores viños do mundo.

As cámaras do programa tamén pasarán pola romaría de San Fins de Castro, en Cabana de Bergantiños, a Festa do Pemento de Arnoia e a exaltación do Longueirón no concello de Fisterra. O menú trouleiro deste domingo pola noite complétase coas festas do Carme de Cañás, en Carral; a Romaría da Tortilla de Laro, en Silleda, e a divertida Festa Hortera de Porto do Son.

E para que non falte de nada, ‘Vaia troula’ ofrecerá a actuación da orquestra Los Españoles.

Fuente Crtvg.es