Desde este xoves, a web da CRTVG ofrece sete comedias no ciclo de cine galego en aberto ‘Carteleira G’

0
18

Santiago, 09.04.2020.-    O humor é moi necesario en tempos de crise e por iso a CRTVG ofrece a partir deste xoves na súa páxina web unha selección moi variada de comedias, dentro do ciclo de cine galego en aberto ‘Carteleira G’. Cada semana, a proposta vai mudando, sempre cun fío condutor para todas as películas, ben o xénero ou o director. As semanas anteriores, o ciclo estivo composto por películas sobre o narcotráfico e sobre o amor.

Nesta ocasión, ofrecerase o filme ‘Os mortos van á présa’ (Ángel de la Cruz, 2009), que parte dun feito moi coñecido que se repite, ano tras ano, nas estreitas estradas dalgúns lugares de Galicia. Un camión, xeralmente cargado de marisco, queda atascado. Na acción de ‘Os mortos van á presa’, sucede nunha rúa dunha vila mariñeira, bloqueando e illando a saída e provocando tamén unha crise social ao non poderse enterrar o patrón maior, pois o enorme vehículo atrancado impide tamén pasar ao cortexo fúnebre cara ao cemiterio. O director e guionista xogou a facerlles unha homenaxe ás películas de humor costumista españolas e inglesas,  cun elenco de actores ben coñecidos do público galego: Manuel Manquiña, Chete Lera, María Castro, Antonio Durán ‘Morris’, Ernesto Chao, Xosé Manuel Olveira ‘Pico’ e Uxía Blanco.

Durante os vindeiros días tamén se poderá ver ‘Crebinsky’ (Enrique Otero, 2011),  baseada nunha curtametraxe anterior da súa autoría, sobre dous peculiares irmáns que viven das crebas -os obxectos que devolve o mar e que recollen nas praias-. Unha parte do equipo de Chévere desenvolve a idea, ambientándoa nos anos da Segunda Guerra Mundial, onde alemáns e americanos vanse enfrontar nas costas galegas, diante da sorpresa e incomprensión dos marxinais protagonistas. Miguel de Lira e Sergio Zearreta interpretan os irmáns e Luís Tosar dá vida a un improbable capitán de submarino dos Estados Unidos. O ton da película responde o humor máis absurdo e claramente surrealista. O filme obtivo o premio ao mellor guión no Festival de Málaga.

Tamén se atopa neste novo ciclo a longametraxe ‘O Partido’ (Juan Calvo, 2006). Tomando como inspiración varias comedias recentes do cinema social inglés- especialmente ‘The Match’, de Mike Davis-, a produtora galega Vaca Films velaba as súas primeiras armas con esta produción, que foi premiada como a mellor película do ano, escollida entre todas as feitas para televisión. A historia conta o enfrontamento, vía partido de fútbol, entre un grupo de amigos que traballan nunha metalúrxica e os novos executivos da empresa que mercou a fábrica, nunha metáfora evidente de loita social que lembra o drama de Alcoa. No elenco galego están Carlos Blanco, Xosé Bonome, Roberto Leal, Antonio Durán ‘Morris’ e Manuel Manquiña. A película contou ademais coa participación dalgúns xogadores do Deportivo daquela tempada, como Manuel Pablo, Munitis ou Sergio González.  

Entre os seis novos títulos desta semana tamén figuran ‘Fútbol de alterne’ (2010) e ‘Nin en soños’ (1994), ambas as dúas do director Alber Ponte. O fútbol tamén é metáfora de superación na primeira destas comedias. Inspirada nun caso real, ‘Fútbol de alterne’ conta a historia dun club de alterne que patrocina un equipo de fútbol en apuros económicos. Fran Grela, Camila Bossa, Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira, Xosé Manuel Olveira ‘Pico’ e Estíbaliz Veiga capitanean un elenco de 30 actores galegos.

Alber Ponte tamén dirixe a estraña comedia underground, pouco coñecida, ‘Nin en soños’, onde tres mozos –Chencho Campos, Cristina Pascual e Gonzalo Cortizo– terán que fuxir dunha estrafalaria banda de delincuentes que manda Uxía Blanco e en que están Luís Tosar– nunha das súas primeiras incursións no cinema-, Marco Aurelio e Evaristo Calvo. Tamén aparecen María Bouzas e Roberto Sánchez Luna. Foi unha das primeiras longametraxes galegas de ficción rodadas en Compostela.

Finalmente, ‘Carteleira G’ ofrecerá ata o vindeiro xoves ‘Vacas, porcos e zapatos de tacón’ (Manuel Espiñeira, 2010), en que unha arruinada familia mexicana –Antonio Durán ‘Morris’, Belén Constenla, Mariana Expósito e Guillermo Carbajo-, ‘señoritos’ de ascendencia galega, regresa a Galicia para facerse cargo dunha herdanza, o que vai provocar o inevitable choque entre dous mundos: o campo e a cidade. A película, producida por Voz Audiovisual, está claramente inspirada nunha clásica serie americana, moitas veces emitida por TVG e que se mantén viva na memoria de varias xeracións: ‘Granxeiro último modelo’.

Fuente Crtvg.es