Despois da parada do Nadal, esta fin de semana retornan as competicións de fútbol aos medios públicos galegos

0
16

Santiago, 07.01.2022.-    Tres semanas despois da última comparecencia, a Segunda RFEF retoma a súa dinámica e a primeira cita deportiva desta fin de semana na G2 será no campo das Eiroas, onde o sábado se disputa a partir das 17.00 h o Bergantiños C. F.-Arousa S.C. Os de Carballo chegan á cita tras dous meses e medio sen gañar ante a súa afección.

Pola noite, a atención estará posta na Liga francesa e os espectadores poderán ver ás 21.00 h o partido que disputarán o R. C. Lens e o Stade Rennes F. C. Ambos os dous equipos perderon o seu último partido, pero o Lens leva seis encontros sen coñecer a derrota como local.

A primeira cita deportiva da xornada dominical comezará ás 12.00 h, cando se disputa o C. D. Arenteiro-R. Avilés C. F., da Segunda RFEF. O conxunto carballiñés abre unha serie de cinco partidos en que os asturianos se miden a rivais da zona baixa que non se lle deron ben na primeira volta.

Na oferta desta fin de semana dos medios públicos galegos tamén haberá atletismo, xa que se ofrecerá o Cros Internacional de Elgoibar, en directo a través da web da CRTVG a partir das 12.10 h. Tras a obrigada suspensión do ano pasado, as instalacións deportivas de Mintxeta albergarán este domingo a 78ª edición desta competición internacional, un evento deportivo de primeiro nivel en que participarán preto de 800 atletas de once nacionalidades diferentes e que volverá ter como protagonistas os corredores africanos.
    
Pola tarde, regresa a Segunda RFEF coa retransmisión do partido Pontevedra C.F.-C. D. Palencia Cristo Atlético (17.00 h). Os pontevedreses enfrontaranse a un club que, na súa primeira temporada na categoría, marcha nunha meritoria quinta posición, pechando os postos de play-off de ascenso a 8 puntos do conxunto granate.

A fin de semana rematará con fútbol portugués, co partido de Liga entre o Estoril Praia e o F. C. Porto, que se poderá ver ás 20.45 h.

Fuente Crtvg.es