#DígochoEu estrea conta propia en Instagram e celebra un ano de éxitos en TikTok

0
2

Santiago, 14.09.2021.-  O proxecto educativo da CRTVG arredor da lingua #DígochoEu comeza novo curso este setembro. O seu espazo ‘Apuntamento lusófono’ volve este mércores (22.00 horas) ás súas emisións en Twitch, e á G2 en redifusión os sábados, coa xornalista Esther Estévez e o actor portugués Rodrigo Paganelli. Tamén se estreará este mércores a conta propia do #DígochoEu en Instagram. E o sábado conmemorarase o primeiro ano de vida do espazo en TikTok.

No ‘Apuntamento lusófono’, Esther Estévez retomará as conversas en directo co actor luso Rodrigo Paganelli nunha segunda temporada que buscará o coñecemento máis estreito do galego e o portugués, coas notas de humor que caracterizan xa o espazo. Tras a súa emisión en Twitch.tvg/crtvg, (mércores, 22.00 horas) poderase ver nas restantes redes sociais da TVG e os sábados ao mediodía na televisión, pola G2.

Nace @digochoeu.tvg no Instagram

#DígochoEu é un espazo que atrae os máis novos cun formato moi divertido e dinámico e cunha extraordinaria acollida nas redes sociais, polo que nace esta semana a súa conta específica @digochoeu.tvg en Instagram, unha das  redes sociais cun maior uso entre a xente nova.

Ademais, o proxecto didáctico do #DígochoEu, que propón cada día unha expresión ou unha palabra incorrecta e as súas alternativas en galego, celebra este sábado un ano de vida e de éxitos en TikTok, cuxa conta corporativa foi a que experimentou o maior crecemento neste tempo, acadando os 123.000 seguidores, e con varios vídeos que superaron o millón de reproducións. No seu conxunto, os vídeos nesta rede social superaron os 25 millóns de visualizacións.

Dirixido polo xornalista Carlos F. Amado e con Rocío Pérez como asesora lingüista, o  #DígochoEu convida a falar mellor a nosa lingua a través de vídeos en que se  propón unha palabra incorrecta, de uso común, e ofrece sinónimos e consellos para darlle unha reviravolta a esas expresións. O proxecto naceu dentro da web dos servizos informativos, onde deseguida se situou como un dos contidos máis visualizados cada semana. #DígochoEu foi galardoado ademais co Premio Paraugas de Comunicación 2020 e co Premio Mil Primaveras da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua pola súa comunicación e impacto neste ano 2021.

Fuente Crtvg.es